A Deputación fixa os prezos pola prestación de servizos no Pazo dos Deportes “Paco Paz”

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá a fixación dos prezos públicos pola prestación de servizos e a realización de actividades no Pazo dos Deportes “Paco Paz” da Deputación de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao xoves 2 de agosto de 2018.

Os prezos serán aplicados desde o día 1 de setembro deste ano e manteranse en vigor mentres non sexan modificados ou derrogados expresamente. De tal modo que, no pavillón auxiliar e no pavillón principal as tarifas para actividades deportivas de deporte de competición (por hora ou fracción), varían segundo a actividade (adestramento, partido ou actividade sen “recadación” e partido ou actividade con “recadación”), e segundo o uso de toda a pista ou de media pista, así os prezos oscilan entre os 8 euros que custa adestrar no pavillón auxiliar empregando media pista aos 54 euros que supón realizar un partido ou actividade con “recadación” na pista completa do pavillón principal.

No pavillón auxiliar, o prezo para festivais e actos deportivos organizados por entidades deportivas, colexios e institucións culturais e recreativas, sen ánimo de lucro, que excedan de dúas horas é de 200 euros por acto e xornada. Para actos, exposicións e actividades alleas ao deporte é de 500 euros por acto e xornada e para actividades deportivas sen montaxes complexas é de 30 euros por hora ou fracción.

No pavillón principal, o prezo para espectáculos deportivos na pista completa é de 752 euros por xornada; para festivais e actos deportivos organizados colexios e institucións culturais, deportivas ou recreativas, sen ánimo de lucro, que excedan de dúas horas é de 400 euros por acto e xornada; para actividades alleas ao deporte, que non teñan carácter profesional, sen ánimo de lucro é de 1.000 euros por acto e xornada, mentres que para este tipo de actividades alleas ao deporte pero de carácter profesional, o prezo é de 2.000 euros por acto e xornada. Por último, o prezo para actividades deportivas ou recreativas sen montaxes complexas, é de 50 euros por hora ou fracción.

As Escolas de educación física de base e de diferentes disciplinas deberán aboar por trimestre 23,60 euros. E, tamén quedan fixados, con esta aprobación, os prezos das actividades físicas para adultos (programa de fitness, fisioterapia, fitness persoal…) para as cales, co fin de garantir a continuidade nos programas de fitness, establécense tarifas bonificadas anuais para: fitness total con spa gratuíto por 231 euros, para discapacitados por 159 euros, para xubilados por 159 euros, para xente con carné xove por 183 euros ou para fitness de mañá (7.00 a 15.00 horas) por 126 euros. Asemade, ofrécese a posibilidade dun bonofitness anual familiar polo cal o primeiro membro da unidade familiar aboará a cota íntegra, o segundo terá o 30% de desconto sobre a tarifa correspondente, e o terceiro terá o 40% de desconto, aplicándoselle a tarifa máis alta ao primeiro membro da unidade familiar. Sen embargo, esta redución porcentual non se aplicará cando se trate de tarifas xa bonificadas.

Cultura

No relativo ao apartado cultural, na reunión aprobouse a programación anual da Escola de Danza e fixáronse os prezos públicos para o curso 2018-2019. En canto á programación, hai cinco actividades para o vindeiro curso que son: baile tradicional, canto tradicional e pandeireta, música para grupos de acompañamento de baile tradicional, obradoiro de xogos populares e obradoiro de tecido tradicional.

O prezo da matrícula para estas actividades é de 40 euros, excepto para tecido tradicional que o custe será de 55 euros. No caso de que se inscriban varios membros da mesma familia, só pagará 40 euros o primeiro, e para os demais o prezo será de 15 euros. Por outra parte, aplicarase unha bonificación do 100% aos alumnos que sexan desempregados ou fillos de desempregados

Cooperación

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 200.000 euros para o Concello de Cortegada, destinada á execución da obra “campo de fútbol”. Esta axuda fora aprobada na modificación de créditos nº 1/2018 na sesión plenaria de abril deste ano. Asemade, na reunión aprobouse a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, relativa ao Concello da Veiga, que incorpora ao plan principal a obra “pavimentación en Candeda e Riomao”, en substitución da obra “acondicionamento R/A Pateira da Veiga”, cun orzamento total de 67.286 euros, sendo a achega municipal de 19.286 euros.

Neste mesmo apartado, na xuntanza aprobouse a expropiación forzosa urbanística para a execución da obra “beirarrúas en Fonteboa – N 525”, en San Cibrao das Viñas.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria do concurso público para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense correspondentes ao exercicio 2018, pola cal a Deputación concede un total de 99.993 euros en axudas a 74 asociacións da provincia de Ourense.