A Deputación destina máis de 570.000 euros a entidades e concellos para iniciativas culturais, deportivas e de emerxencias

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 571.442 euros en axudas a entidades e concellos da provincia de Ourense destinadas a iniciativas culturais, deportivas e de emerxencias. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 13 de abril de 2018.

En concreto, aprobouse unha axuda para a Estación de Inverno Manzaneda, S.A. (MEISA) por importe de 71.000 euros para o Campamento de iniciación ao esquí para nenos da provincia de Ourense, programa “EsquiOu 2018”. Por outra parte, no apartado cultural, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 40.000 euros para a Fundación Cultural Padroado Otero Pedrayo, destinada aos gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018; e tamén para a Fundación Curros Enríquez, unha axuda de 30.000 euros co mesmo concepto.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, aprobou unha axuda por importe de 25.000 euros para o Concello de Celanova para os gastos de mantemento da Escola Infantil Municipal de Celanova 2018.

Por outra parte, en 2013, a Xunta de Galicia, a FEGAMP e as deputacións provinciais galegas, subscribiron un convenio de colaboración entre elas para a creación e implantación dos GES. O convenio que abarcaba do período 2013-2015, foi prorrogado para o período 2016-2018. Ao abeiro deste convenio constituíronse e están a funcionar na provincia de Ourense os GES da Gudiña, Ribadavia, Laza, Avión, O Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Lobios, Muíños e O Pereiro de Aguiar. Estes municipios terían que achegar, de acordo co establecido no convenio, a cantidade de 405.444 euros, para o financiamento dos ditos grupos, un importe que a Deputación de Ourense incluíu nos orzamentos de 2018 para financiar estas achegas municipais e liberar, polo tanto, aos concellos do custe correspondente. Neste sentido, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou concederlles aos concellos adheridos ao convenio para a creación e implantación dos GES, unha axuda para o financiamento das achegas municipais previstas no amentado convenio, polos importes que se indican: a Gudiña (52.885 euros), Laza (26.442 euros), Avión (39.662 euros), Ribadavia (44.068 euros), O Barco de Valdeorras (52.885 euros), Castro Caldelas (52.885 euros), Lobios (44.068 euros), Muíños (39.662 euros) e O Pereiro de Aguiar (52.885 euros).

Asemade, na reunión aprobouse unha modificación do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018 no relativo ao Concello de Cenlle, pola cal se incorpora ao plan principal a obra “mellora de acceso ó Outeiro e Rioboo”, en substitución da obra “saneamento e mellora dos accesos a Outeiro e Rioboo”, cun orzamento total de 48.000 euros.