A Deputación destina 600.000 € a concellos e entidades para cultura, deporte infraestruturas, medio ambiente e servizos sociais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá un total de 608.137 euros en axudas para concellos e entidades destinadas a iniciativas de Cultura, Servizos Sociais, Infraestruturas, Medio Ambiente e Deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao mércores 31 de outubro de 2018.

No apartado de cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou un total de 262.783 euros en axudas a diferentes proxectos sobre temas culturais, de infraestruturas e de servizos sociais. En concreto, aprobou unha axuda de 14.133 euros para a Asociación de Empresarios de Verín, AEVER, destina a gastos de funcionamento e dinamización comercial correspondentes ao ano 2018, mentres que para a “Asociación de padres, profesionales y amigos de personas con discapacidad intelectual Special Olympics Galicia” aprobou unha axuda de 10.000 euros para as actividades que organiza a entidade durante o 2018. Neste mesmo sentido, na reunión aprobouse unha axuda de 100.000 euros para a Fundación Gavela para o servizo de protección xurídica a persoas con discapacidade por enfermidade mental.

En materia de cultura, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 20.000 euros para a Fundación Carlos Velo para os gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2018, e para o Liceo de Ourense, aprobouse unha axuda de 10.500 euros destinada ao vestiario da coral. Así mesmo, na xuntanza aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Fundación Venancio Salcines e a Deputación de Ourense, para o III debate Universitario Escola de Finanzas Ourense Termal, polo cal a institución provincial destina unha axuda de 20.000 euros.

Para a Fundación de Ferias y Exposiciones de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 70.000 euros, destinada ás actividades organizadas por esta entidade durante o ano 2018. E, en materia de infraestruturas, na reunión aprobouse unha axuda de 18.150 euros para a Diocese de Ourense, para a mellora e substitución de portas nas igrexas de Leirado, Redemuíños e Xacebáns, no termo municipal de Quintela de Leirado.

Cooperación cos concellos da provincia

Neste apartado, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 4.000 euros para o Concello de Lobeiro para as actividades deportivas na comarca do Xurés do 2018. Para o Concello de Melón aprobáronse tres axudas: 4.013 euros para a canalización de pluviais en Seoane; 13.115 euros serán destinados para a reposición de beirarrúas en Quins; e 8.749 euros para as varandas de protección en Cimadevila e Panavaqueira. Pola súa parte, o Concello de Porqueira percibirá dúas axudas, unha por importe de 39.990 euros para os gastos en infraestruturas en diferentes pobos do municipio, e outra de 18.000 euros para o mantemento de maquinaria. Asemade, para o Concello de Xinzo de Limia aprobouse unha axuda de 7.487 euros para o Conservatorio.

Na reunión aprobáronse dúas modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, relativas aos municipios de Arnoia e Melón. No caso de Arnoia, increméntase o importe da actuación da obra “acondicionamento e humanización praza pública Reza” a un total de 55.000 euros, dos cales a Deputación achega 48.000 euros e os restantes 7.000 euros son aportados polo municipio. A modificación relativa ao Concello de Melón supón a incorporación ao plan principal a obra “urbanización de ordenación de aparcamento público fase II”, en substitución da obra “viario de acceso a Velorio de Melón”, cun orzamento total de 48.000 euros.

A Xunta de Goberno aprobou, así mesmo, o pago anticipado de dúas axudas ao Concello de Bande, 4.000 euros para actividades deportivas na comarca do Xurés durante o 2018 e 20.100 euros para a substitución de iluminación pública en Ponte Liñares.

Por último, na xuntanza aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o Instituto Enerxético de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello da Veiga, para a construción do Observatorio Astronómico da Veiga. A través deste convenio, a institución provincial destina unha axuda de 250.000 euros para tal fin.