A Deputación destina 581.607 euros para cooperar cos concellos e entidades culturais, sociais e deportivas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de 581.607,15 euros en axudas para cooperar cos concellos e entidades da provincia.

A maior contía deste paquete de achegas, 464.500 euros, vai destinada ao financiamento de 16 proxectos de carácter municipal. En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha subvención de 48.000 euros a favor do Concello de Avión para executar unha obra de mellora de acceso a Taboazas; unha achega de 48.000 euros ao Concello de Boborás para humanizar a Praza da Igrexa de San Pedro Félix de Brúes; unha subvención de 10.000 euros para o Concello de Calvos de Randín destinado ás Portas do Xurés e outros 12.000 euros para o Concello de Entrimo destinados á Xures Experience.

Ademais, o Concello de Ribadavia recibirá 30.000 euros para a organización da Mostra Internacional de Teatro; o Concello de Cenlle, San Amaro e Punxín recibirán cada un 9.000 euros para cofinanciar gastos de bombeo; o Concello de Monterrei, 12,500 euros para a organización dunha nova edición da Festa da Vendima; o Concello de Bande contará cunha axuda de 12.000 euros para cofinanciar un proxecto municipal xa deseñado en colaboración coa Xunta de Galicia; e o Concello de Quintela de Leirado contará con 48.000 euros para executar a obra de humanización e melloras no entorno da Casa do Concello.

Completando as liñas de colaboración cos concellos ourensáns aprobadas esta mañá, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 70.000 euros destinada ao Concello da Rúa para a segunda fase da urbanización da rúa Pireira; unha partida de 45.000 euros a favor do Concello de Vilamarín para executar as obras de reforma das instalacións da iluminación exterior e unha achega de 6.000 euros ao Concello de Vilar de Barrio para arranxos por causa dos temporais. Ademais, o Concello de San Xoán de Río recibirá unha partida de 48.000 euros destinada á execución dunha obra de cimentado de núcleos rurais e outros 48.000 euros para executar unha obra de aglomerado e mellora da rede viaria local.

En colaboración con entidades, as axudas aprobadas esta maña teñen como beneficiarias á Asociación de Banda de Música Municipal de Cartelle para a compra de material -8.000 euros-; á Asociación Autismo Apúntaste para gastos de funcionamento e desenvolvemento de proxectos -15.207,15 euros- e unha subvención a favor de Dynamic Global Challenges -5.900 euros-.

No eido deportivo, a Xunta de Goberno desta mañá aprobou unha axuda de 30.000 euros a favor da Federación Galega de Piragüismo para a organización de eventos deportivos na provincia e promoción; unha subvención complementaria de 8.000 euros a favor da Escudería Ourense para a celebración do Rally Ourense -que, en total, recibirá este ano 61.000 euros por parte do goberno provincial para organizar unha nova edición desta competición deportiva-; e unha subvención de 50.000 euros destinada á Asociación de Escaladores Ourensáns para ampliar o rocódromo infantil.

Ademais, a Xunta de Goberno aprobou a resolución do concurso para a concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2023, cun total de 60.000 euros distribuídos entre 28 proxectos culturais de toda a provincia, que foron presentados polos seus organizadores ao concurso e posteriormente valorados pola Comisión de Valoración, nunha reunión celebrada o 16 de maio.