A Deputación destina 500.000 euros para cooperar cos concellos e entidades profesionais, gastronómicas e deportivas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no Pazo Provincial baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de 500.000 euros en axudas para cooperar cos concellos e entidades profesionais, gastronómicas e deportivas.

A maior contía deste paquete de achegas, 396.000 euros, vai destinada ao financiamento de once proxectos de carácter municipal. Así, o Concello de Baltar disporá de 50.000 euros para a recuperación e acondicionamento do Couto Mixto, mentres que Beariz contará con dúas subvencións por importe de 48.000 e 11.000 euros, respectivamente, para a urbanización da contorna da reitoral e para obras de mellora do abastecemento de augas.

Castrelo de Miño poderá acondicionar o camiño de Meizo ao Vedado cunha axuda de 48.000 euros e Lobeira recibirá 12.000 para o Xurés Experience. O Concello de Muíños vai contar con dúas axudas de 48.000 euros cada unha para acondicionar cinco espazos públicos no municipio e mellorar o abastecemento de augas noutros tantos núcleos de poboación.

O proxecto de mobilidade sostible de Parada de Sil, coa posta en marcha dun bus lanzadeira, terá unha subvención de 10.000 euros; Ribadavia contará con 21.000 para o mantemento da escola infantil; A Rúa poderá executar a segunda fase da urbanización da rúa Mazaira cunha achega de 70.000 euros; e o Concello da Veiga recibirá 30.000 para o proxecto de plantación de centeo e millo.

As restantes axudas aprobadas esta mañá teñen como beneficiarias á Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos de Ourense, que cunha achega de 20.000 euros poderá poñer en marcha a aplicación informática ”Seviautónomos”; os Amigos da Cociña Galega recibirán 40.000 euros para gastos de funcionamento e proxectos a realizar no presente ano; e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Nogueiró poderá adquirir un tractor e pechar parcelas cunha subvención de 30.000 euros.

No ámbito deportivo, a delegación de Ourense da Federación de Fútbol terá unha axuda de 10.000 euros para o Campionato de España de seleccións Sub-19 e Sub-16 de fútbol sala; e o Club Deportivo Xadrez Ourense disporá de dúas achegas -2.300 e 5.000 euros- para as escolas deportivas correspondentes aos anos 2022 e 2023.