A Deputación destina 315.000 euros a axudas a concellos, entidades sociais e deporte

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá no pazo provincial, aprobou a concesión de axudas por un importe de 315.000 euros, destinadas a iniciativas de cooperación cos concellos, colaboración con entidades sociais e para actividades deportivas, informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Monserrat Lama, que deu conta dos asuntos tratados na reunión.

A maior contía de axudas, un total de 160.000 euros, concéntrase no capítulo de cooperación. O Concello de Pontedeva beneficiarase dunha achega de 60.000 euros para a a mellora dos accesos ao polígono de Trado. O Concello do Bolo recibirá dúas axudas, unha delas por un valor próximo aos 10.300 euros que irán destinados ás obras de abastecemento e saneamento da localidade de Teixido, e unha segunda de case que 30.000 euros para reconverter a antiga escola de Chao das Donas en local social.

Tamén se aprobaron axudas para o acondicionamento de velorios. É o caso da Asociación de Veciños e Cultural A Ponte, de Vilariño Frío, que percibirá 10.000 euros, e outros 50.000 que recibirá o Concello de Sarreaus para o mesmo fin. Apuntar ademais neste capítulo de cooperación unha modificación do Plan Provincial de Obras no Concello de Boborás, que investirá case que 58.700 euros na retirada de raíces en varias estradas do municipio.

No apartado de benestar social, a Xunta de Goberno acordou conceder dúas subvencións por valor de 50.000 euros cada unha. A primeira delas, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) destinará esta achega ao servizo de intermediación laboral das persoas con discapacidade, co desenvolvemento de accións específicas dirixidas a mellorar a empregabilidade e acadar a súa inserción laboral. Pola súa parte, a Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (DISCAFIS) empregará esta axuda no seu servizo itinerante polas zonas rurais da provincia de Ourense para fomentar a inclusión das persoas con discapacidade.

En materia de colaboración, o Consello Regulador Pan de Cea contará con 10.000 euros para o financiamento de actividades no presente exercicio, mentres que a Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Ourense recibirá 2.500 euros en concepto de colaboración para a celebración das segundas xornadas de convivencia. Finalmente, no ámbito deportivo a Xunta de Goberno aprobou unha subvención de 42.500 euros, que irán destinados á celebración da Copa Deputación de Fútbol 2017.