A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, presidida polo vicepresidente Rosendo Fernández, aprobou hoxe a incorporación ao Plan provincial de Cooperación de 13 obras na rede viaria provincial por un valor superior a 1.440.000 euros, así como subvencións aos concellos, ademais de entidades sociais e culturais, por un importe próximo aos 870.000 euros, e máis de 80.000 euros para as Copas Deputación de deportes.
Polo que respecta á modificación do Plan provincial de Cooperación, as obras incorporadas foron o reforzo do firme no vial principal do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, por un importe de 441.000 euros; a remodelación da OU-0152 para un camiño escolar no CEIP Padre Feijoo de Allariz, con 164.000 euros; e a mellora da intersección das estradas OU-0211 e OU-0210 en Quintela de Leirado, con preto de 142.000 euros. Tamén se incorporaron ao plan traballos no firme das estradas OU-0108 en Baños de Molgas (59.500 €); OU-0415 no Bolo (48.990 €); OU-0551 de Ourense (91.350 €); OU-0508 en Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín (85.000 €); na OU-0752 de A Pobra de Trives (63.000 €); na OU-1103 en Vilar de Barrio e Baños de Molgas (60.000 €); e na OU-1112 en Xinzo de Limia (72.800 €). Ademais aprobáronse obras de instalación de sistemas de contención nas estradas OU-0415 en Boborás (88.160 €); na OU-0607 en Castro Caldelas e A Teixeira (48.000 €) e na OU-0751 en Manzaneda (80.000 €).
Neste mesmo apartado compre apuntar unha modificación máis do Plan de Cooperación que afecta ao Concello de Beariz pola anulación dunha obra, aprobándose finalmente o investimento de 48.000 euros no acondicionamento de camiños e obras de aforro enerxético en catro localidades do municipio.
No capítulo de subvencións, a Xunta de Goberno aprobou unha achega de 125.000 euros á Fundación Galicia Obra Social para gastos de funcionamento do centro Provincia Intelixente; 60.000 euros para a Asociación de Empresarios da Construción de Ourense para gastos de funcionamento; 50.000 euros coa mesma finalidade para a Asociación Empresarial de Valdeorras; 50.000 euros á Asociación de Amigos da Vía da Prata para actividades a desenvolver este ano; 20.000 euros para a Asociación Autismo Ourense con destino á un programa de atención infantil; e 10.000 euros á Asociación cultural Os Xuncos para adquirir instrumentos musicais.
Tamén foi ratificado o convenio e a concesión de subvencións aos concellos de Avión, Lobeira, Trasmiras e Viana do Bolo para a adquisición dun tractor con rozadoira, no marco da colaboración coa Consellería do Medio Rural para dotar a concellos de maquinaria destinada á prevención e loita contra os incendios forestais.
Ademais, o Concello de Paderne de Allariz recibirá máis de 18.000 euros para comprar un brazo de rozadoira; Riós preto de 16.000 euros para o arranxo da piscina municipal; A Teixeira disporá de 58.000 euros para un depósito de augas e outros 25.000 para a compra de maquinaria municipal; Toén poderá cofinanciar con 50.000 euros un proxecto de renovación de alumeado; Xinzo de Limia contará con 150.000 euros para unha senda peonil na localidade da Moreira; e Vilamartín de Valdeorras disporá de preto de 18.000 euros para instalar no pobo de Arnado a escultura “As Lavandeiras” de Pedro Dobao, así como outros 20.000 para organizar os actos de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.
Sinalar por último que no apartado deportivo aprobouse a resolución do concurso de concesión de subvencións para as Copas Deputación, por un importe superior aos 81.000 euros para un total de 32 disciplinas.