A Deputación de Ourense lamenta que o Club Ourense Baloncesto (COB) non puidera formalizar a súa inscrición na Liga ACB 2016-2017. A institución provincial, titular do 23 % de accións do COB SAD, manifestou desde o primeiro minuto -posición que mantivo ata o remate do prazo para a inscrición- que aportaría a mesma cantidade que a outra institución pública accionista -o Concello de Ourense- co límite lóxico do 50 % da cantidade total necesaria para que a praza na ACB fose unha realidade.
A Deputación de Ourense manifesta contundentemente que foi o voto en contra do acordo no pleno do Concello de Ourense, que pretendía aprobar unha subvención nominativa por importe de 1.500.000 euros, o que truncou a posibilidade real de ascenso. A aprobación desa medida, que tería saído adiante coa abstención dos grupos da oposición, faría realidade que Ourense fora cidade e provincia ACB no mesmo día de celebración da dita sesión plenaria.
A Deputación de Ourense apoiou, apoia e apoiará sempre ao Club Ourense Baloncesto. Velaí os datos dos orzamentos de todos os anos, coa subvención nominativa ao COB, a prórroga na cesión de uso polo club do Pazo dos Deportes “Paco Paz” -de titularidade provincial-, as reformas no propio pavillón para acomodalo ás esixencias da ACB, e a decisión de mercar outro instrumental solicitado por esta competición de elite.
A institución provincial quere deixar constancia do seu agradecemento ao persoal do club e reitera que seguirá estando ao carón do COB porque representa e é moito máis que un club de baloncesto.