A Deputación de Ourense estreita lazos co centro penitenciario de Pereiro en proxectos deportivos, culturais e sociais

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo co director do centro penitenciario, Francisco González; e a subdirectora de Tratamento, Ana Martínez, para avanzar nas liñas de colaboración que xa se veñen levando a cabo dende a institución provincial para promover a reinserción dos internos.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo co director do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, Francisco González, e a subdirectora de Tratamento, Ana Martínez, co obxectivo de seguir colaborando dende o goberno provincial nos programas que levan a cabo na institución penitenciaria en áreas como a cultura, o deporte ou a reinserción laboral.

Menor destacou o labor fundamental que os profesionais dos máis diversos ámbitos desempregan no seu día a día para ofrecer unha nova oportunidade de inserción social aos internos de Pereiro. Neste sentido, o presidente subliñou a colaboración da Deputación no obxectivo común da “rehabilitación social e a reinserción, que é a finalidade das penas”.

No encontro, avanzaron a posibilidade de establecer un convenio para os traballos en beneficio da comunidade que os reclusos desenvolven en áreas da Deputación de Ourense. O presidente provincial confirmoulles aos responsables de Pereiro que esta iniciativa se someterá a estudo, coa “vontade” de levarse a cabo.

Outra das liñas nas que colabora a Deputación é a cultura. Abordouse a posibilidade de editar unha revista que farán os propios internos de Pereiro e promover exposicións. “Estas sinerxias xa veñen realizándose de maneira espontánea, o obxectivo é poder protocolarizalas para que os reclusos poidan ter acceso á cultura con achegas da Deputación”, destaca Menor. Neste sentido, o goberno provincial ten apoiado iniciativas como a proxección de películas estrenadas no Ourense Film Festival (OUFF) no propio centro penitenciario, onde os reclusos puideron incluso coñecer a visión directa dos directores das largometraxes.

En materia deportiva, avanzouse na continuación de actividades de promoción da saúde en Pereiro, que xa se realizan en colaboración cos monitores e responsables do Paco Paz.

O director e a subdirectora de Tratamento de Pereiro transmitiron na reunión co presidente da Deputación as súas demandas e a intención de que estes encontros de traballo fluídos continúen no tempo.