A Deputación de Ourense destinará 6,2 millóns de euros para obras e servizos nos concellos da provincia en 2018

O pleno de hoxe aprobou o Plan provincial de cooperación, que inclúe obras municipais, rede viaria, e réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta.

A corporación provincial aprobou tamén a proposta de dispensa ao Concello dos Blancos da obriga de prestar determinados servizos mínimos e asunción destes servizos pola Deputación de Ourense.

Asemade, crearase a Rede provincial de andainas, para fomentar o deportiva e o turismo no territorio provincial. A rede incluirá un calendario de actividades e o pasaporte AndOU, co que os camiñantes conseguirán un selo que acredite a súa participación nas diferentes rutas.

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou na sesión plenaria de hoxe, correspondente ao mes de decembro, o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2018, polo cal a Deputación de Ourense destina un total de 6.200.000 euros para obras e servizos nos concellos da provincia de Ourense. En concreto, o goberno provincial achegará 4.008.000 euros para obras municipais, 192.000 euros para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, e 2.000.000 euros para a rede viaria da Deputación.

A corporación provincial tamén aprobou a proposta de dispensa ao Concello dos Blancos da obriga de prestar determinados servizos mínimos e asunción destes servizos pola Deputación de Ourense. Así, aprobouse solicitar do Consello da Xunta de Galicia autorización para que a Deputación de Ourense asuma a prestación dos seguintes servizos mínimos obrigatorios de competencia municipal: abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento, pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación, e iluminación pública.

A Deputación de Ourense asumirá con respecto a estes servizos o exercicio de todas as facultades de ordenación e xestión dos mesmos, incluídas as facultades de imposición e ordenación de taxas. Os bens que sexan de dominio público afectos a estes servizos quedarán adscritos temporalmente á Deputación e reverterán ao concello unha vez rematado o período de asunción de servizos.

Ademais, a Deputación subrogarase, por sucesión de empresa, como empregador do persoal laboral municipal adscrito aos servizos obxecto de asunción. No momento en que cese esta situación, estes traballadores serán subrogados polo concello.

Por outra banda, o pleno de hoxe aprobou crear unha Rede provincial de andainas como instrumento de ordenación e coordinación destas actividades, nunha estratexia definida de fomento do deporte non competitivo e promoción turística que permita a dinamización económica do noso territorio. A Rede incluirá un calendario de actividades e o pasaporte “AndOU”, co que os camiñantes conseguirán un selo que acredite a súa participación nas diferentes rutas, para optar así a premios que motiven e fidelicen aos participantes. Ademais as rutas que formen parte da rede deben fomentar a educación ambiental e contar con persoal que explique as características naturais por onde discorren as rutas.