A Deputación de Ourense destina 50.000 € a axudas a deportistas e actividades sociais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a concesión de 50.000 euros en concepto de subvencións para deportistas cualificados e actividades de interese social, segundo detallou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Monserrat Lama, na comparecencia informativa posterior á reunión celebrada esta maña no Pazo Provincial.

O capítulo deportivo corresponde á resolución da convocatoria para a concesión de subvencións a deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais do exercicio 2017. O orzamento total é de 25.000 euros, dos que serán beneficiarios ata 45 deportistas de 17 modalidades. O segundo bloque das axudas, tamén por un importe total de 25.000 euros, enmárcase no ámbito social para o financiamento das actividades da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos de Terra de Celanova.

No capítulo de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha modificación do Plan provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, relativa a unha obra de asfaltado na localidade Mudelos, no municipio do Carballiño, reducindo o orzamento do proxecto con cargo á achega municipal en 49.153 euros, polo que a obra pasará a ter un orzamento total de 73.432 euros.