Menú
Pechar

A Deputación de Ourense destina 18.150 euros en axudas para eventos deportivos

A Xunta de Goberno aprobou a resolución da segunda convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para eventos deportivos 2017.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá a resolución da segunda convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2017, polo que concede un total de 18.150 euros en axudas a quince entidades para eventos de diferentes disciplinas deportivas. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 22 de setembro.

Para continuar en materia de cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Asociación de Desenvolvemento Rural Comarca de Ourense ADERCOU, para a redacción e posta en marcha do programa Leader 2014-2020.

No apartado de cooperación cos concellos da provincia de Ourense, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello de Oímbra por importe de 10.000 euros para a XX edición da Festa do Pemento. Para o Concello da Veiga, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 100.000 euros destinada ao programa de reactivación da economía rural e da rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda “Revivenda rural”. Por último, para o Concello de Xunqueira de Espadanedo unha axuda de 50.000 euros para gastos de funcionamento de servizos municipais correspondentes ao ano 2017.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou dúas modificacións do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017. A primeira modificación supón a incorporación ao plan principal a obra “tratamento superficial con microaglomerado na OU-0308”, no termo municipal de Avión, cun orzamento de 60.000 euros. A outra modificación é relativa ao Concello de Calvos de Randín que incorpora ao plan a obra “limpeza e reparación de fosas sépticas en Golpellás, Santiago de Rubiás e Castelaus” por importe de 55.000 euros, en substitución da obra “rehabilitación parcial casa reitoral-residencia”.