A Deputación de Ourense destina 1,5 millóns de euros para a instalación de canóns de neve artificial en Cabeza de Manzaneda

O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de abril aprobou tamén a adxudicación de material homologado para o Pazo dos Deportes “Paco Paz” para a próxima tempada na ACB.

Asemade, aprobouse destinar 65.000 euros para a adquisición da biblioteca de Benito Fernández Alonso, e financiar bolsas, por importe de 21.600 euros, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para prácticas de alumnos da Facultade de Medicina de Santiago.

O pleno aprobou tamén a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal.

O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe destinar un total de 1,5 millóns de euros para a compra de canóns de neve artificial para a Estación de montaña de Cabeza de Manzaneda, unha medida contemplada pola institución provincial que forma parte do impulso e a aposta por vertebrar o territorio nunha zona que precisa de especial apoio para o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa.

Asemade, na sesión plenaria de hoxe, a Corporación Provincial aprobou a adxudicación de material homologado para o Pazo dos Deportes “Paco Paz” para a próxima tempada na ACB, e ditaminou destinar 65.000 euros para a adquisición da biblioteca de Benito Fernández Alonso, acordando tamén financiar cinco bolsas, por importe de 21.600 euros, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para prácticas de alumnos da Facultade de Medicina de Santiago durante o presente curso académico.

O pleno aprobou tamén a adhesión da Deputación de Ourense á Asociación Europea de Cidades con Patrimonio Termal, órgano europeo que aglutina a rexións e cidades con patrimonio termal, unidas na defensa e posta en valor destes recursos ante a Unión Europea e o resto do mundo, e que constitúe unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo a constitución dunha rede de vilas e rexións de recoñecida tradición termal que permita impulsar e salvagardar o termalismo con políticas de promoción e realce creativas e innovadoras.