O evento, que se celebra o vindeiro domingo en Vilamarín, ten como obxectivo recadar fondos para a Asociación NEN e apoiar a Nico, un neno ourensán de 2 anos que padece neuroblastoma.
A Deputación de Ourense colabora na “Andaina solidaria Pazo de Vilamarín” de apoio á investigación sobre o cancro infantil, un evento que se celebrará o vindeiro 11 de setembro en Vilamarín e que ten como obxectivo recadar fondos para a Asociación NEN e apoiar a Nico, un neno ourensán de 2 anos que padece desde os 9 meses neuroblastoma (tumor abdominal). A presentación do evento tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa participación do deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez, e os concelleiros deste municipio Marina Rodríguez e Marcos Vázquez. Desta maneira, o goberno provincial e o Concello de Vilamarín unen esforzos para reivindicar e chamar a atención sobre os máis de 1.400 novos casos que cada ano se diagnostican de cancro infantil, e en concreto, para colaborar coa familia de Nico e coa Asociación NEN.
Juan Anta destacou que a Deputación de Ourense “apoia con firmeza este motivo de solidariedade, e neste caso, ademais de colaborar cunha actividade deportiva, axudamos á xente que máis o necesita e favorecemos que se siga impulsando a investigación contra o cancro infantil. Alí estaremos todos o domingo participando a prol desta causa solidaria”.
Amador Vázquez agradeceu o apoio do goberno provincial e dos medios de comunicación con este evento, “porque colaborar con esta acción solidaria supón facelo cunha familia que está sufrir, e tamén significa concienciar para que se sigan destinando fondos para a investigación médica”. Na mesma liña, Marcos Vázquez explicou que a andaina “ten como valor confraternizar e concienciar á xente sobre a necesidade de redobrar esforzos para loitar contra o cancro infantil; e quixémolo facer ofrecéndolle a todos a riqueza natural que ten o municipio de Vilamarín”.
Marina Rodríguez deu lectura a unha carta da nai de Nico, quen non puido estar presente na rolda de prensa por complicacións na enfermidade que padece o seu fillo. No escrito agradece a colaboración de institucións e cidadáns e fai un chamamento para que a investigación se potencie “pois a taxa de supervivencia do cancro infantil está estancada desde fai 20 anos”.
O 100 % da recadación da andaina irá destinado, mediante a adquisición de dorsais por un donativo de 5 € cada un (3€ para os participantes infantís) á Asociación NEN. A proba deportiva sairá do Pazo de Vilamarín o vindeiro domingo 11 de setembro, ás 10.00 horas, e contará cun percorrido de 11 quilómetros. Ademais, haberá actividades infantís, con inchables e xogos, para que os máis pequenos poidan gozar tamén dunha xornada deportiva e de lecer.
Para aquelas persoas que, ademais, queiran colaborar coa causa tamén se habilitou unha “fila cero” na conta da Asociación NEN para que poidan facer as súas achegas económicas.