A Deputación de Ourense colabora na renovación do campo de fútbol “A Queixeira”

Manuel Baltar, Pablo Pérez e Rodrigo Aparicio, visitaron as obras que se están a levar a cabo que inclúen a instalación de herba natural, o sistema de rego e o arranxo dos vestiarios e do entorno do campo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez; e o alcalde do Concello de Arnoia, Rodrigo Aparicio, visitaron esta mañá o campo de fútbol “A Queixeira”, onde se están a levar a cabo diferentes actuacións co fin de “mellorar a calidade das súas instalacións para un maior goce tanto de xogadores como de público en xeral”, explicou Manuel Baltar.

O goberno provincial destinou unha axuda de 49.874 euros para esta renovación do campo de fútbol de Arnoia que, xunto coa achega municipal, permite levar a cabo a instalación de herba natural no campo, o sistema de rego e o arranxo tanto dos vestiarios como do entorno do campo.

A Deputación de Ourense “apoiou este proxecto porque estamos a falar de deporte e de relación entre os clubs da provincia e, porque creo que así conseguimos unha mellora nas infraestruturas deportivas que non só serán boas para Arnoia, senón tamén, para todos os clubs da provincia que o visitan”, dixo Manuel Baltar durante a visita.

“É unha proba máis da cooperación que debe existir entre as administracións, neste caso local e provincial, e é un paso máis na colaboración permanente que mantemos cos concellos da provincia e, sinaladamente, co de Arnoia”, engadiu o presidente da Deputación de Ourense.

Pola súa parte, Rodrigo Aparicio dixo que se trata “dun campo de fútbol emblemático, non só para Arnoia senón tamén para toda a contorna, incluso a nivel provincial é moi coñecido” e agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “con este proxecto de remodelación do campo, co que esperamos que os xogadores e as futuras xeracións poidan gozar del”.

Mostra do compromiso da Deputación de Ourense co fútbol provincial foi por exemplo, a creación dunha Guía de Fútbol Provincial “Ourense, a provincia termal 2015-2016”, na que están presentes todos os clubs da provincia de Ourense desde Terceira División a Terceira Autonómica, con inciso en conxuntos femininos e de base. Ademais, o goberno provincial creou unha páxina web específica para o deporte da provincia “deportes.depourense.es”, como unha canle de información participativa, aberta a todas as persoas, que abrangue desde o deporte base ata afeccionado e profesional, e na que se inclúe toda a información relativas aos clubs e eventos deportivas da provincia.

O apoio do goberno provincial co deporte provincial “forma parte das liñas estratéxicas do plan de mandato Ourense 15-19, que marca a folla de rota do funcionamento da Deputación de Ourense, e onde o deporte ocupa un espazo importante”, asegurou o presidente do ente provincial.