A Deputación de Ourense aproba axudas para temas de Servizos Sociais, Cultura, Deportes e Infraestruturas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe diversas axudas para cooperar con concellos e entidades en proxectos culturais, deportivos, de servizos sociais e infraestruturas. En concreto, no apartado de cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou, en materia cultural, dúas axudas para Sarabela SL, unha delas de 15.000 euros para a MITEU 2019 e a outra, que ascende aos 20.000 euros, será destinada á celebración do FITO 2019.

Pola súa parte, a Agrupación Coral de Ruada recibirá unha axuda de 32.280 euros para vestiario e material diverso, mentres que a Asociación Cultural Pen Club de Galicia contará cunha axuda de 25.000 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2019. Para esta mesma finalidade, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 10.000 euros para a Asociación Cultural da Castaña, así como outra de 22.000 euros para a Asociación Cultural 1809 A Batalla para a Festa de “1809. A Batalla”, en Boborás.

Outra das axudas aprobadas na reunión foi para a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Terra de Celanova, por importe de 25.000 euros, destinada aos gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao 2019. Asemade, aprobouse unha axuda de 36.886 euros para “Hermanitas de los Ancianos desamparados de la Casa Asilo de Verín”, para a adquisición dunha furgoneta. E, por último, en materia deportiva, aprobouse unha axuda de 10.000 euros para a Escuderia de Clásicos de Ourense para o “25 Rallye de Ourense de Vehículos Clásicos y Antiguos”.

No relativo á cooperación cos concellos da provincia, na reunión aprobouse unha axuda para o Concello de Cenlle, de 50.000 euros, destinada á Escola de mestres de Esposende. Para o Concello de Riós aprobouse unha axuda de 30.000 euros para os gastos de funcionamento do Centro de Desenvolvemento Agroforestal, correspondente ao ano 2019 e, para o Concello de Vilar de Santos, aprobouse o pago anticipado de 31.526 euros para o proxecto de mellora enerxética. Por último, aprobouse unha modificación do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais de 2019 relativa ao municipio de Melón que substitúe a obra “Carril – bici na N120 na parroquia de Quins”, pola obra “acondicionamento de beirarrúa e travesía municipal”, cun orzamento total de 48.000 euros.

Resolucións

Asemade, a Xunta de Goberno aprobou catro resolucións de concursos para a concesión de axudas en materia de deportes, cultura e servizos sociais. Por un lado, aprobou a resolución definitiva da convocatoria de axudas dirixida a entidades sociais para proxectos de servizos sociais para o ano 2019, a través do cal a institución provincial destina máis de 300.000 euros en axudas para preto de 60 proxectos.

Na reunión aprobouse tamén a resolución do concurso para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao ano 2019. Dita resolución recolle un investimento total de 80.000 euros para diversas actividades. Neste mesmo apartado cultural, aprobouse a resolución do concurso para a concesión de axudas a concellos para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes ao exercicio 2019. Mediante este concurso, a Deputación de Ourense destina un orzamento de 99.941 euros para os proxectos culturais de 50 municipios ourensáns.

A última resolución aprobada durante a xuntanza foi a do concurso para a concesión de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2019 que recolle máis de cen axudas para diferentes disciplinas deportivas como fútbol, kickboxing, patinaxe, taekwondo, ximnasia, xadrez, wushu, entre outras.