A Deputación de Ourense apoia o balonmán, na celebración da fase de ascenso a 1ª división, que terá lugar en Ribadavia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o delegado da Federación Galega de Balonmán, José Manuel Pérez Otero; o concelleiro de Deportes de Ribadavia, Ricardo González; e directivos e xogadores do club “Carnes do Ribeiro”, Iván Reinaldo, Rodrigo Touza e Juan Manuel Diéguez, presentaron hoxe no Pazo Provincial a fase de ascenso a 1ª división de balonmán, que se disputará do 11 ao 13 de maio no Pavillón Municipal de Ribadavia. O presidente do goberno provincial destacou que este evento “converterá a Ribadavia na capital do balonmán” e recoñeceu “a traxectoria do club e o seu sacrificio” para que esta fin de semana poida disputar esta fase de ascenso, desexando que acade os mellores resultados. “Desde a Deputación estamos co deporte con maiúsculas, co deporte de Ourense tamén como ecosistema de turismo, porque os eventos deportivos tamén atrae turismo, e dunha vila senlleira das da provincia de Ourense”.

Os partidos comezan o venres, día 11, ás 18.00 horas co enfrontamento entre Osuna Madrid e Delicias Cast&León; e ás 20.00 horas, co partido entre Carnes do Ribeiro e Vetusta Asturias. O sábado, día 12, ás 18.00 horas xogarán Carnes do Ribeiro fronte a Delicias Cast&León; e ás 20.00 horas, Osuna Madrid fronte a Vetusta Asturias. Finalmente, o domingo, 13 de maio, xogarán ás 10.30 horas Vetusta Asturias fronte a Delicias Cast&León, e ás 12.30 horas, Carnes do Ribeiro fronte a Osuna Madrid.