A Deputación convoca o premio Olimpia Valencia 2022

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde esta mañá á concesión de 765.476,87 euros en axudas con destino a 24 proxectos de concellos e entidades da provincia co obxecto de financiar proxectos en infraestruturas e iniciativas sociais, urbanísticas, culturais ou deportivas.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta maña no Pazo Provincial baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou as bases e convocatoria do premio Olimpia Valencia 2022, un recoñecemento honorífico promovido polo goberno provincial para aquelas persoas ou entidades que destaquen na defensa da igualdade e dos seus dereitos. Na súa primeira edición, o galardón recaeu na cardióloga Luisa Pérez, coordinadora da unidade de arritmias do CHUAC.

A Xunta de Goberno tamén resolveu a convocatoria anual dos concursos públicos para a concesión de subvención a concellos e mancomunidades de municipios de toda a provincia de Ourense para a organización de 42 actividades físico deportivas; ademais da concesión de subvencións a 37 entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos .

Ademais, deu luz verde á concesión de 765.476,87 euros en axudas con destino a 24 iniciativas de concellos e entidades da provincia co obxecto de financiar proxectos en infraestruturas e iniciativas sociais, culturais, urbanísticas, turísticas, de eficiencia enerxética, saneamento e deportivas.

A cooperación coas entidades locais é o capítulo que reúne a maior contía das achegas, con 595.206,87 euros para 16 proxectos. En detalle, na orde do día figuraban tres axudas para o Concello de Castrelo de Miño por un total de 144.000 euros -destinadas á mellora de infraestruturas públicas e reparación da capa de rodaxe no camiño de acceso á parroquia de Macendo e da estrada de Couso ata o campo de fútbol-; unha subvención de 18.000 euros a favor do Concello de Lobeira para un proxecto de rehabilitación estrutural e da envolvente da “Casa de Xocas” en Facós; unha axuda de 57.000 euros destinada ao Concello de Maceda para a mellora do saneamento e da EDAR de Maceda; unha subvención de 93.529 a favor do Concello da Merca para a mellora de camiños municipais; unha achega de 18.000 euros a favor do Concello de Oímbra para a modificación do PXOM; e unha subvención de 21.000 euros destinada ao Concello de Punxín para o cofinanciamento dun proxecto con AGADER.

Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde a unha achega de 47.305,60 euros a favor do Concello de Trasmiras para a renovación de marquesiñas; unha subvención de 43.000 euros a favor do Concello de Xunqueira de Espadanedo para a humanización da rúa Manuel Garrido e a seis proxectos do Concello de Ríos por un total de 153.642,27 euros: acondicionamento da estrada A Veiguiña – Valfarto, proxecto “Riós Cultural 21-22”, rehabilitación dun edificio para uso de albergue turístico do Camiño de Santiago, a reparación de cuberta e acondicionamento interior do centro de saúde, muros de contención en Cortegada e Domez e unha iniciativa de eficiencia enerxética en edificios municipais .

Polo que se refire á colaboración coas entidades, a Xunta de Goberno concedeu 170.000 euros destinadas a 6 proxectos. En concreto, deu luz verde a unha axuda de 23.000 euros a favor da Federación Galega de Hockey para a organización en Ourense do clasificatorio para o Campionato de Europa 2023 de hockey masculino; unha achega de 60.000 euros a favor da Real Federación Española de Atletismo para a organización en Ourense do Campionato de España absoluto en pista cuberta; unha subvención de 60.000 euros a favor de ASPANAS para a adquisición de furgoneta e equipamento de centros; unha achega de 10.000 euros a favor da Federación Galega de Atletismo para a organización de actividades en pista cuberta; unha subvención de 12.000 euros a favor de Emilio García Rúa para o proxecto de “Lendas no Camiño”; e unha subvención de 5.000 euros para Juan Pablo Rivas Pires destinada ao mobiliario do Espírito Ribeiro.