A Deputación contribúe á reforma integral do campo de fútbol de Soutopenedo

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o novo campo de fútbol de Soutopenedo, no Concello de San Cibrao das Viñas, no que se levou a cabo unha completa reforma das instalacións co apoio da institución provincial. “Un paso máis no ámbito da promoción do deporte na nosa provincia, ofrecendo espazos e servizos axeitados aos nosos deportistas e, sobre todo, ás xeracións novas que se inician na práctica do fútbol a través da escola infantil”, destacou Baltar.

Acompañado polo alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, o presidente provincial percorreu as novas instalacións nas que se investiron máis de 307.000 euros, dos que a Deputación aportou preto de 150.000. O proxecto de reforma do campo de Soutopenedo incluíu a dotación de céspede de herba artificial, un novo peche perimetral, novos bancos para xogadores e adestradores e varandas para delimitar o terreo de xogo.

Manuel Pedro Fernández agradeceu a cooperación da Deputación “para facer un campo exemplar do que estamos moi satisfeitos co resultado e do que a partir de agora poderán gozar os nosos equipos – Soutopenedo CF e CD Rante, ambos no grupo noveno da Segunda Galicia- e por suposto os rapaces e rapazas da escola infantil”.