A Deputación concede 890.000 euros en axudas para iniciativas empresariais, deportivas e de cooperación cos concellos e entidades

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá partidas destinadas a un proxecto de EmprendOU e cooperar con 2 clubs ourensáns, 15 concellos e 7 asociacións, entidades ou fundacións. Ademais, resolveu o concurso público para as subvencións das Copas Deputacións deste ano, beneficiando a 37 federacións e clubs.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de case 890.000 euros en axudas para respaldar un novo proxecto de EmprendOU e cooperar con 2 clubs ourensáns, 15 concellos e 7 asociacións, entidades ou fundacións. Ademais, resolveu o concurso público para as subvencións das Copas Deputacións deste ano, favorecendo a 37 federacións e clubs.

No comezo da reunión resolveuse o expediente número 43 do programa emprendOU, que financia proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en situación de declive demográfico. A axuda aprobada hoxe, por un importe de 4.575 euros, refírese a actividades de comercio, alimentación e bebidas na Gudiña.

Polo que respecta ao ámbito deportivo, resolveuse o concurso público para a concesión de subvención para as Copas Deputacións do 2022 a 37 entidades pertencentes a 37 modalidades deportivas diferentes. O importe total das axudas que se distribúe é de case 90.000 euros. A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a unha achega de 21.000 euros para gastos de funcionamento da Unión Deportiva Ourense e de 15.000 euros ao Pabellón CF para o torneo Ourense, a Provincia Termal.

En partidas destinadas á colaboración cos concellos, esta mañá aprobáronse estas liñas de actuación: 47.550 euros para o Concello de Arnoia destinados á execución das obras de reforma da antiga escola para convertela nun albergue do Camiño Miñoto Ribeiro; o Concello de Cartelle recibirá dúas achegas de 47.990 euros e 48.000 euros para a execución de obras de mellora de camiños municipais e mellora da iluminación pública dende o Grupo Escolar a Seoane; Castrelo de Miño disporá de 70.000 euros para actuacións de cofinanciamento; Esgos disporá de 12.000 euros para actuacións culturais; o Concello de Irixo recibirá dúas achegas de 10.000 e 48.000 euros para o proxecto piloto de plantación de cereais autóctonos e a execución das obras de asfaltado de vías municipais; o Concello da Mezquita disporá de 17.600 euros para unha actuación arqueolóxica no castelo pequeno de Santigoso; Muíños recibirá 15.246 euros para a gravación dun videoclip de Antonio Luz e Xunqueira de Ambía, 25.000 euros para o Festival Camiñartes.

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde a unha axuda de 24.861 euros ao Concello de Nogueira de Ramuín para executar obras de abastecemento en Requeixo e A Cancela-Armariz; 48.000 euros ao Concello de Padrenda para obras de reparación de muros no acceso a Coto da Mo; o Concello de Vilamarín recibirá 45.000 euros para executar obras de reconstrución dun muro e a A Veiga disporá de 80.000 euros para un parque infantil na área recreativa do Coiñedo. Ademais, Bande, Muíños, Lobios e Lobeira recibirán cada un deles unha achega de 9.000 euros para a apertura das Portas do Xurés nestes municipios.

 

En colaboración con entidades, aprobáronse tres achegas por un total de 20.000 euros á Asociación Cultural Rutas do Viño do Ribeiro, para accións de mellora do produto turístico da Ruta do Viño do Ribeiro, para actividades de comunicación e difusión e para o mantemento do sitio web e dinamización das redes sociais; unha achega de 24.000 para os gastos de funcionamento anual da Asociación de Concesionarios de Automóviles de Ourense (Acauto); e 22.000  euros para a actualización do rexistro vitivinícola do CRDO Ribeiro.

Ademais, a Federación Española de Asociacións de Enólogos recibirá 25.000 euros pola organización do concurso nacional de viños VinEspaña; a Fundación Ferias y Exposiciones de Ourense contará con tres achegas por un global de 62.000 euros pola organización de feiras e eventos; a Fundación Vicente Risco disporá de dúas partidas de 1.500 euros para o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais e o de Literatura Fantástica. E aprobouse unha achega de 26.000 euros que irán destinados á IXP Castaña de Galicia para gastos de funcionamento.