A Deputación concede 608.326 euros en axudas para dezaseis iniciativas municipais, sociais, culturais e deportivas

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou a concesión de 608.326,09 euros en axudas para financiar dezaseis proxectos municipais e iniciativas sociais, culturais, formativas e deportivas.

En cooperación local, na sesión de hoxe aprobouse unha subvención de 30.000 euros ao Concello de Cenlle para a actualización do rueiro municipal; unha axuda de 51.000 euros ao Concello de Avión para financiar a escola infantil; unha axuda de 30.000 euros ao Concello de Allariz para a organización do Festival Internacional de Xardíns; e unha subvención de 48.000 euros ao Concello de Baltar, destinada á execución da obra de acondicionamento de locais públicos en varios pobos deste municipio.

O capítulo municipal complétase coas seguintes subvencións: unha axuda de 40.000 euros a favor do Concello de Arnoia, para a execución da obra de melloras no campo de fútbol da Queixeira; unha subvención de 48.000 euros ao Concello de Toén, para executar o proxecto de mellora de viarios municipais; e unha subvención de 47.968,89 euros ao Concello de Chandrexa de Queixa, destinada á obra de mellora nas instalacións de abastecemento de Za – Celeiros.

En colaboración con entidades, a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta mañá unha subvención de 6.000 euros á Asociación Cultural Xingros, para a organización do IX Festival Hércules Brass Celanova e unha subvención de 60.000 euros á Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos de Ourense (ATAVE), destinada a colaborar na adaptación do local social desta asociación para cuestións formativas.

O capítulo de subvención aprobado hoxe tamén inclúe unha axuda de 50.000 euros á Asociación de Pulpeiros do Carballiño-Arcos, para gastos de funcionamento e promoción; unha subvención de 45.000 euros á Cruz Vermella de Ourense para colaborar na mellora das capacidades e respostas de acción social na rede territorial desta entidade na provincia; e dúas subvención á Diocese de Ourense destinadas ao cemiterio de Almoite, en Baños de Molgas -17.747,20 euros- e para a cuberta da Igrexa das Caldas, en Ourense -60.000 euros-.

En cooperación con entidades deportivas, o Antela Fútbol Club recibirá 9.000 euros para un marcador electrónico e 18.000 euros para gastos de transporte; e a Asociación Club Recreativo As Burgas contará cunha subvención de 47.610 euros para a climatización do pavillón polideportivo e o acondicionamento da entrada dos vehículos.