A Deputación colabora nunha andaina solidaria para dar visibilidade á fibromialxia

A Asociación de Fibromialxia, Fatiga crónica e Sensibilidade química múltiple de Ourense organiza esta proba o vindeiro domingo, 28 de maio.

A Asociación de Fibromialxia, Fatiga rónica e Sensibilidade química múltiple de Ourense organiza unha andaina solidaria o vindeiro domingo, 28 de maio, por Seixalbo, iniciativa na que colabora a Deputación de Ourense. A presentación da proba tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a presidenta, a secretaria e o traballador social de AFFOU, Marina Añel, María Jesús Justel e Leonardo Quintas, respectivamente.

Esta iniciativa “aglutina nunha mesma proba deporte, saúde e solidariedade”, sinalou Rosendo Fernández, quen felicitou á asociación AFFOU por poñer en marcha este tipo de actividades “que fomentan a práctica de hábitos saudables entre os cidadáns, dan a coñecer o noso territorio e, sobre todo, colaboran non só economicamente coa entidade senón tamén dándolle visibilidade ao labor que desempeña e aos afectados por estas patoloxías”.

A proba presenta dúas posibles rutas, unha curta cun percorrido de 4 quilómetros e unha longa cunha distancia de 14 quilómetros. Tanto a saída da andaina como a chegada terán lugar no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. A proba comezará ás 10.00 horas, aínda que a entrega de dorsais efectuarase 30 minutos antes da saída.

Os interesados en participar poderán inscribirse por un custe de 5 euros destinados a AFFOU. A inscrición inclúe un avituallamento na ruta longa, aperitivos ao remate da proba, así como a participación nos sorteos que se realizarán ese día.

A Asociación de Fibromialxia, Fatiga crónica e Sensibilidade química múltiple de Ourense, sen ánimo de lucro, naceu no ano 2003 co obxectivo de apoiar ás persoas diagnosticadas con estas enfermidades de cara a mellorar a súa calidade de vida. “Actualmente contamos con 94 socios”, dixo o traballador social, quen explicou que esta andaina xurdiu coa idea de celebrar o Día Internacional da Fibromialxia, que tivo lugar o pasado 12 de maio, “para que a xente coñeza esta enfermidade que por non ser visible non é moi recoñecida, e a través desta andaina queremos que a xente a coñeza e tamén os servizos que desde AFFOU prestamos”.