O próximo sábado, día 5, celebrarase en Nogueira de Ramuín a 13ª Andaina de Armariz, unha proba que conta co apoio da Deputación de Ourense e ten carácter solidario, xa que unha parte da recadación irá destinada a Asociación de Crohn e colite ulcerosa de Ourense (Accu Ourense).
O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, recibiu no Pazo Provincial aos representantes da organización, o presidente e vicepresidenta da Asociación de Veciños de San Ramón de Armariz, David González e Begoña Cadahia, e ao presidente de Accu Ourense, Fernando Jiménez, que estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Deportes e Turismo de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto.
A andaina terá un percorrido de 12 quilómetros, con saída no souto do San Ramón. Dos sete euros do prezo de inscrición, tres irán destinados á Accu Ourense para colaborar no financiamento dos seus servizos e actividades.