A Deputación colabora coa XVII Carreira por Montaña “Canón do Sil-A Decana”

A Deputación de Ourense colabora na XVII edición da Carreira por Montaña “Canón do Sil-A Decana”, que se celebrará o próximo 20 de outubro en Parada do Sil. Unha proba veterana en Galicia que iniciou a súa traxectoria no ano 2007 e acumula xa un gran historial a nivel nacional, coa participación en todas as súas edicións dos mellores corredores de España.

O asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Diego Enrique Álvarez, participou hoxe na presentación desta proba, que se celebrou no Concello de Parada de Sil.

A carreira, cun marcado carácter de montaña, ten unha distancia de 33 km. e un desnivel positivo de 2.220 metros con dúas cimas. Tamén haberá unha segunda proba de 17 km. sen cimas e unha carreira de 7 km para principiantes.

O trazado discorre polo interior do municipio de Parada de Sil, atravesando zonas de viñedos, soutos, carballerias e cruzando regatos, pasando preto do mosteiro de Santa Cristina e permitindo que os corredores gocen das vistas do Canón do Sil.