A Deputación colabora co Torneo de Golf Ourense Termal

O director da Área de Cultura e Deportes da Deputación, Marcos Vázquez, asistiu está mañá no Campo de Golf de Montealegre, no Pereiro de Aguiar, á presentación do Torneo de Golf “Ourense Termal” que se disputará os días 8 e 9 de xuño.

Esta competición, posta a andar no ano 2023 da man da Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer a Ourense como destino ideal para a práctica deportiva do golf mesturada co desfrute da oferta termal.

Nesta segunda edición, o torneo pretende ampliar o ámbito xeográfico da competición coa organización dun torneo clasificatorio no Centro Nacional de Golf de Madrid, que terá lugar este sábado, 18 de maio, e que contará coa participación de 200 xogadores. Posteriormente, os 20 xogadores clasificados nesta fase previa, estarán convidados a disputar a segunda edición deste Torneo en Ourense no mes de xuño.

Estes torneos constitúen unha ferramenta de promoción para Ourense como destino de turismo activo e deportivo que, ademais, se complementa con outras actividades paralelas como o termalismo, a gastronomía ou a enoloxía.