O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na presentación da 57ª edición deste evento deportivo que se disputará os días 14 e 15 de xuño.
Menor lembrou que esta colaboración co Rally é “histórica e enmárcase na política de promoción do deporte provincial que queremos levar a cabo desde o goberno provincial”.
A Deputación de Ourense colabora coa 57ª edición do Rally Ourense Recalvi que converterá, unha vez máis, “á nosa provincia, na capital do automobilismo”, asegurou o presidente provincial, Luis Menor, esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na presentación desta proba que se disputará os días 14 e 15 de xuño.
Na presentación estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o tenente de alcalde de Ourense, Aníbal Pereira; o presidente da Real Federación Española de Automovilismo e vicepresidente da Federación Internacional de Automovilismo, Manuel Aviñó; e o presidente da Escudaría Ourense, Jano Fraga, que detallaron os aspectos técnicos desta proba que contará con 14 tramos cronometrados nos que os pilotos percorrerán 159,48 km.
“Desde a Deputación, como un dos principais patrocinadores deste evento, amosamos o noso firme compromiso e apoio cunha das probas deportivas máis senlleiras que se celebran na nosa provincia”, salientou Luis Menor, quen lembrou que esta colaboración co Rally é “histórica e enmárcase na política de promoción do deporte provincial que queremos levar a cabo desde o goberno provincial”.
Neste sentido, o presidente da Deputación destacou o espazo que ocupa o automobilismo nese compromiso provincial co deporte “pola fonda pegada e arraigo que existe na nosa terra ao redor do mundo do motor”.
Así mesmo, Luis Menor puxo en valor o “importante impacto económico, turístico e promocional” que ten o Rally na provincia de Ourense, “berce do automobilismo galego”. Salientou o “gran traballo” de organización que realiza a Escudaría Ourense “para poder manter na tempo esta competición” con case 60 anos de historia, así como a axuda de numerosos voluntarios que “fan posible que Ourense volva a ser un referente no mundo do motor”.