A Deputación colabora co proxecto deportivo e solidario do Campus Ourense Rugby

O Campus Ourense Rugby presentou hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial o equipamento que xogadoras e xogadores lucirán na vindeira tempada 2020-2021, tanto na división de honra B nacional como no resto de categorías e da escola de rugby do club. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do Campus Ourense Rugby, José Luis Rey, e o presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, ademais de Miguel Fernández, director xeral de Fesbal, a Federación Española de Bancos de Alimentos, quen, a través dun vídeo enviado para a presentación, agradeceu o apoio por contar co Banco de Alimentos nesta iniciativa deportiva.

Manuel Baltar expresou a cooperación da Deputación de Ourense con esta iniciativa “que une deporte e solidariedade, unha disciplina nobre como é o rugby co sacrificado labor que fan os voluntarios das asociacións de Bancos de Alimentos e a súa federación, Fesbal, que engloba a 54 entidades en toda España, á que lle foi outorgada o premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2012”. Baltar salientou especialmente o labor solidario do Banco de Alimentos de Ourense, “co que a Deputación de Ourense colabora económica e loxísticamente”, expresou.

O presidente do Campus Ourense Rugby agradeceu o apoio da Deputación e das institucións e patrocinadores que colaboran “para que o equipo participe en todas as competicións nas que figura, desde a división de honra B, sendo o mellor equipo galego, e as demais categorías femininas e masculinas”, dixo José Luis Rey, quen anunciou que o club creará unha fundación para levar adiante un equipo de rugby inclusivo e traballar en proxectos similares de impulso e difusión do rugby en institucións penitenciarias. Finalmente, Cecilio Santalices destacou “a ilusión que desde o Banco de Alimentos de Ourense temos coa participación nesta iniciativa deportiva e social”, agradecendo que contasen con este colectivo do que salientou o labor desenvolvido durante os duros meses da pandemia, no que o Banco de Alimentos de Ourense repartiu máis de 477.000 quilos de alimentos e colaborou con máis de 6.000 familias.