A Deputación colabora co Concello de Maceda no reforzo das infraestruturas deportivas públicas

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Maceda, Rubén Quintas.

Manuel Baltar comprometeu o apoio a dúas novas iniciativas de cooperación propostas polo rexedor: a construción dun parque de habilidades ciclistas e a mellora das instalacións do campo de fútbol municipal.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde de Maceda, Rubén Quintas, no que se analizaron as novas propostas de cooperación formuladas polo rexedor arredor do fortalecemento das infraestruturas deportivas públicas neste concello.

O presidente do goberno provincial valorou como “realmente útil” unha reunión na que se pecharon dous novos acordos para seguir reforzando a colaboración entre a Deputación e  Maceda: a construción dun parque de habilidades ciclistas ao pe do castelo, vinculado ao Club Ciclista Maceda, e a mellora das instalacións do campo de fútbol municipal.

Manuel Baltar garantiu o apoio da Deputación a estas dúas propostas do rexedor: “Esta é unha nova mostra da capacidade propositiva de Rubén Quintas e do seu liderado en Maceda, sempre na procura de mellores servizos públicos para os veciños e cun marcado caracter innovador”. O presidente da Deputación incide na aposta do Concello de Maceda polo fomento de deporte do base, “apoiado no éxito de entidades como o Club Ciclista Maceda e cuestións claves como a calidade das infraestruturas públicas que ofrece” e que agora se ve “referendado nesta nova cooperación da Deputación”.

Pola súa banda, o alcalde de Maceda reivindicou a “estreita colaboración, incondicional. coa Deputación, que nos permite seguir avanzando no impulso ao deporte”. Nesta liña, Rubén Quintas destaca a repercusión que terá estes dous proxectos para a base: “Máis de 130 rapaces poderán usar o novo circuíto ciclista e outros 240, o campo de fútbol”.