A Deputación, coa súa marca “Ourense provincia termal”, súmase aos plans deportivos de Suzuki 2018

A presentación oficial do equipo de rallys Suzuki celebrouse hoxe no Balneario de Laias, onde Manuel Baltar destacou que Ourense se consolida “como un dos mellores destinos de España no campo do turismo deportivo”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe, no Balneario de Laias, na presentación do equipo de rallys Suzuki dado que será o novo soporte da marca “Ourense, a provincial termal”, a marca de promoción turística da Deputación de Ourense a través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE). Os pilotos de rallys do equipo oficial Suzuki son o ourensán Javier Pardo, quen xunto ao seu compañeiro Joan Vinyes disputará 11 probas do Campionato de España de Rallys de Asfalto e 7 probas do Campionato de España de Rallys de Terra.

O presidente do goberno provincial explicou que a Deputación de Ourense coa súa marca “Ourense a provincial termal”, “súmase aos plans deportivos de Suzuki 2018” e felicitou a Suzuki “pola súa traxectoria e polos éxitos do pasado ano 2017 que esperamos multiplicalos durante as vindeiras tempadas”.

Tendo en conta o impacto económico que supón o turismo deportivo en toda España e a idoneidade das condicións da provincia de Ourense no ámbito orográfico, xeográfico e natural, “creamos un ecosistema de turismo deportivo no que a promoción do destino, a innovación e o posicionamento de marca son os obxectivos prioritarios durante os vindeiros anos”, explicou Manuel Baltar, quen salientou o papel da provincia de Ourense como “un dos mellores destinos de España no campo do turismo deportivo, pola súa orografía, natureza, servizos e pola súa oferta como provincia termal”.

Nesa liña de posicionar a “Marca Ourense” a nivel nacional e internacional a través de diferentes eventos para xerar impactos e consolidar a marca, “ligamos a “Marca Ourense” a eventos deportivos como “La Vuelta” ou en campionatos de España de Rallys de asfalto e terra”, lembrou o presidente da Deputación de Ourense.

Manuel Baltar dixo que con esta nova alianza con Suzuki “apoiaremos tamén a carreira do piloto ourensán Javier Pardo, gañador no 2017 das copas de España Junior, 2RM e R2”, e destacou que “a plataforma que nos ofrece Suzuki, e compartir espazos con Repsol, Santander Consumer, impulsará o noso proxecto de termalismo deportivo”, engadiu o presidente da Deputación de Ourense.

Con esta nova aposta co mundo deportivo, coa alianza co equipo Suzuki Motor Ibérica, “compartiremos espazo con Repsol e estaremos presentes en toda a estrutura de Suzuki, a única marca cen por cen oficial nos campionatos de España”, salientou Baltar.

Deste modo, “Ourense provincia termal” estará presente en: tódolos coches do equipo oficial Suzuki e tamén en 15 coches da copa Suzuki, contará cun stand promocional de “Ourense provincia termal” en cada rally dentro da estrutura, en todo a montaxe de carpas de asistencia, na estrutura de asistencia de tres camións tráiler que recorren a xeografía nacional, en tódalas presentacións oficiais antes de cada rally de asfalto, en tódolos soportes e notas de comunicación e prensa propios de Suzuki con Repsol, nas redes sociais de esas marcas, na súa propia televisión a través de internet durante toda a tempada, nos medios de comunicación que seguen os campionatos, e nos eventos que se demande a súa presenza e non coincidan con algunha proba.

O calendario de 2018 percorrerá as provincias de Pontevedra, Córdoba, dúas illas Canarias, Ourense, Ferrol, dúas localidades de Asturias, Santander, Valencia e Madrid, en rallys de asfalto; e Murcia, Córdoba, Lanzarote, A Coruña, Cataluña, Navarra, Granada e León, en rallys de terra.

No acto oficial de presentación do equipo de rallys Suzuki tamén estiveron o presidente de Suzuki, Juan López Frade; os pilotos do equipo de Rallys, Javier Pardo e Adrián Pérez, e Joan Vinyes e Jordi Mercader.

Plans deportivos de Suzuki 

No 2018 o equipo Suzuki contará con dous Swift R+ que serán pilotados por Javier Pardo/Adrián Pérez e Joan Vinyes/Jordi Mercader, apostando pola mestura entre experiencia e xuventude coa que buscará reeditar o título de marcas. Pola súa parte, Gorka Antxustegi e Santi Cañizares seguirán vencellados ao equipo.

A copa Suzuki Swift disputará no 2018 a súa undécima edición que este ano como novidade, os participantes menores de 25 anos, loitarán intensamente polo premio final que será participar na Beca R2 Junior 2019.

O presidente de Suzuki dixo que contar con novos patrocinadores como “Ourense provincia termal”, “achegaranos unha nova perspectiva e á vez creo que temos un equipo de pilotos moi equilibrado: de Vinyes pouco se pode dicir a estas altura é rápido e efectivo, mentres que Pardo demostrou este ano un ritmo moi alto e o empuxe que dá a xuventude”.