A Deputación, co Trail da Ribeira Sacra

A VIII edición do “Trail Ribeira Sacra”, iniciativa coa que colabora a Deputación de Ourense, reuniu hoxe no municipio de Nogueira de Ramuín a 390 deportistas procedentes de 14 comunidades autónomas de España, e de países como Alemaña, Arxentina, Francia, Portugal e Inglaterra. Á entrega de premios asistiu o vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Deportes, César Fernández.

O evento contou coa participación do subcampión mundial de Skyrunning, Jesús Gil, e membros da selección española, achegando un alto nivel de competitividade.

O “Trail Ribeira Sacra” trata de promocionar Ourense e a Ribeira Sacra a través dunha experiencia única para os sentidos que fusiona: saúde, deporte, natureza, patrimonio e a posta en valor dos produtos da nosa terra. Durante a xornada leváronse a cabo presentacións e degustacións de produtos con música en vivo, animacións para todos os públicos e actividades para os máis cativos.

Este percorrido circular con base en Luintra de 48 km e 3.450 m. de desnivel positivo, transcorreu por lugares como o Castro de Moura, os Miradoiros dá Lampa e do Pé do Home. Ademais, realizouse unha parada gastronómica no Mosteiro de Santo Estevo, que culminou cunha degustación de polbo da man do recoñecido chef ourensán Paco Gómez, e pratos típicos da nosa gastronomía con adaptacións a celíacos e veganos.