A Deputación avanza na consolidación da provincia como ecosistema deportivo: “Os froitos de moitos anos de traballo vense agora”

O goberno provincial colaborou no primeiro semestre de 2022 na organización de numerosos campionatos autonómicos e nacionais absolutos, probas internacionais e referenciais de deportes como o piragüismo, remo, atletismo, hockey, fútbol sala ou ximnasia.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co asesor de Deportes, Bernardino González, para analizar a evolución dunha estratexia potenciada co AVE e que terá o seu próximo fito na celebración da Coupe de la Jeunesse, entre o 5 e 7 de agosto en Castrelo de Miño.

Como principais beneficios desta estratexia, Manuel Baltar resalta as “consecuencias económicas, turísticas e de visibilidade para o territorio”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co asesor de Deportes do goberno provincial, Bernardino González, para analizar o traballo realizado no primeiro semestre dentro desta área e as liñas mestras dos próximos meses. Unha estratexia de actuación de longo alcance, potenciada coa chegada da Alta Velocidade e que está encaixada na aposta da Deputación polo deporte, o turismo deportivo e o termalismo deportivo.

“Os froitos de moitos anos de traballo vense agora. Esta é unha estratexia fundamental para este goberno, que terá como próximo fito a celebración da Coupe de la Jeunesse, entre o 5 e 7 de agosto”, sinalou o presidente da Deputación antes de resaltar as consecuencias para o territorio, en repercusión económica, turística e visibilidade, de acoller “probas autonómicas, nacionais e internacional de referencia, coa potencia suficiente para atraer a miles de persoas a competicións que se celebran na cidade, no Barco, en Muíños, Arnoia, Cenlle, Castrelo…”.

Manuel Baltar destacou a necesaria colaboración interadministrativa e pública-privada, para “organizar e acoller con éxito na provincia eventos deportivos de primeiro nivel”, apoiado en “alianzas estratéxicas con federacións como a de remo, piragüismo ou hockey” e impulsando de xeito paralelo a mellora das infraestruturas deportivas e a colaboración neste eido cos concellos e clubes deportivos.

A chegada do AVE, explica Manuel Baltar, “deunos un novo pulo de diferenciación, reforzando a Ourense como contexto para o deporte de alto nivel de competición e tamén de adestramento como demostra o éxito das instalacións do Cerlac, lugar de referencia para centenares de deportistas pertencentes ás mellores seleccións do mundo”.

O presidente da Deputación avanza que no futuro “seguiremos potenciando a nosa aposta polo ecosistema deportivo da provincia de Ourense, apoiado na nosa excelente capacidade organizativa, referendada en citas como o Campionato de España de atletismo en pista cuberta ou a propia Coupe de la Jeunesse”.

Campionatos de España absolutos, citas autonómicas e probas internacionais

Nesta consolidación de Ourense como ecosistema deportivo, a Deputación apoiou no primeiro semestre de 2022 a organización de campionatos de España absolutos como o de remo de longa distancia -Castrelo de Miño, 20 de febreiro-; atletismo de pista cuberta -en Expourense, do 25 ó 27 de febreiro-; atletismo de 10 quilómetros en ruta -O Barco; 8 de maio-; medio maratón de piragüismo -en Muíños, 28 e 29 de maio-; trampolín individual -no Paco Paz, do 10 ó 12 de xuño-; ou o de ximnasia rítmica  -no Paco Paz, do 23 ó 26 de xuño-.

Ademais, o goberno provincial tamén colaborou en citas da relevancia do Rally de Ourense; o Campionato de Europa de Hockey Sala Feminino; a proba ciclista do Gran Camiño; o programa Xurés Experience; o X Torneo Internacional Ourense, “A provincial termal”; a fase final da Copa da Raíña de fútbol sala; a Gold River Race de piragüismo; a II Arnoia Termal Sports; probas autonómicas de ximnasia, piragüismo ou remo; probas de deporte inclusivo; competicións de base ou as propias copas deputacións.

Celebración da Coupe de la Jeunesse en agosto

Dentro desta estratexia da Deputación, e especificamente reforzando o rol de referencia da provincia como sede de probas de remo e piragüismo, Castrelo de Miño acollerá entre o 5 e o 7 de agosto a Coupe de la Jeunesse, unha proba que se desenrola de modo anual entre os mellores remeiros de dezaseis países europeos, con idades entre os 16 e os 18 anos. Esta será a primeira proba internacional de remo que se disputará en Ourense, despois de estar asentada como un lugar de adestramento para seleccións nacionais e internacionais nas instalacións do Cerlac en Castrelo, Arnoia e Cenlle.