A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática e baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases reguladoras da convocatoria de subvencións destinadas a federacións e agrupacións de asociacións veciñais de Ourense, así como unha achega ao Club Ourense Baloncesto para a tempada 2020-2021, todo elo por un importe de preto de 300.000 euros. Unha sesión na que tamén se incluíu a fixación de prezos públicos para seis publicacións que editará a Deputación de Ourense.
Polo que respecta ás bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións destinadas a gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense, correspondentes ao presente exercicio, a contía máxima para estas achegas, que se concederán polo procedemento de concorrencia competitiva, é de 43.000 euros. Segundo reflicten as bases, consideraranse federacións ou agrupacións de asociacións de veciños, con independencia da súa denominación, todas aquelas asociacións que estean integradas por tres ou máis colectivos veciñais, entendendo por tales as asociacións cuxos fins sexan a defensa dos dereitos e intereses dos veciños dun determinado ámbito territorial. Ademais, as entidades beneficiarias deberán cumprir outros requisitos, como estar inscritas no rexistro provincial de asociacións de Ourense, dependente da Xunta de Galicia.
No ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou unha subvención a favor do Club Ourense Baloncesto, por importe de 250.000 euros, destinada a gastos de funcionamento e mantemento na tempada 2020-2021.
E no apartado cultural, aprobáronse os prezos públicos de seis publicacións, de cuxa maquetación e impresión encargarase a Deputación de Ourense: O parque natural Baixa Limia Serra do Xurés, de Xosé Benito Reza; Xavier Prado Lameiro. Legado cultural e social, de Alberto Portela; Ordenación medieval do mercado auriense, de Alberto Pascual; La Ribeira Sacra Ourensana durante los siglos XIV y XV. Tierra y campesinado, de José Antonio López; Ourense, Terra bimilenaria, de Marita Souto; e as obras gañadoras do XVII Premio Pura e Dora Vázquez.