A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 500.000 euros en axudas nos ámbitos da cultura, o deporte, a cooperación cos concellos e o emprego. Polo que se refire a este último capítulo, concedéronse catro subvencións por un importe total de 34.200 euros no marco do programa EmprendOU, para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas, por un valor máximo cada unha delas de 8.550 euros, están destinadas a proxectos relacionados coa hostalería, actividades culturais e construción a desenvolver no Concello da Veiga, e ao sector do transporte de mercadorías en Amoeiro.
En cultura, aprobouse unha subvención de 7.000 euros a favor da asociación do Festival de Teatro Galego do Carballiño (Fetega) para gastos de funcionamento no presente exercicio, e 6.000 euros para o Festival Hércules Brass que organiza a asociación cultural Xingros. En deportes, o Club Deportivo Cultural Ribeiro recibirá 6.000 euros para gastos de funcionamento e a Asociación Ourensá de Xadrez preto de 5.300 euros para as escolas deportivas.
En cooperación cos concellos, na sesión desta mañá aprobouse unha achega de case 47.000 euros para o Concello de Avión destinada ao arranxo de emerxencia da estrada Pardelapa-Mangueiro; o Concello de Beariz percibirá 30.000 euros para o parque empresarial de Lebozán; Cortegada disporá de 82.000 euros para a iluminación exterior do polígono industrial; e Larouco contará con máis de 4.000 euros para o cofinanciamento, en colaboración coa Xunta de Galicia, da reforma e ampliación do velorio. O Concello de Nogueira de Ramuín recibirá dúas subvencións, a primeira de máis de 37.500 euros para un área de descanso na ruta Maquino Largaño e unha segunda de 40.000 euros para actuacións en distintos puntos do municipio. Porqueira terá unha axuda de 175.000 euros para a ampliación da residencia de maiores; San Xoán de Río contará con máis de 18.000 euros para a mellora da contorna da fonte do Castiñeiro; Vilar de Barrio disporá de preto de 12.400 euros para sinalización de rutas de sendeirismo, o Pozo da Moura, Cabo de Arnoia, ademais da rehabilitación de zonas degradadas da Serra de San Mamede; e finalmente, a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ourense recibirá unha subvención de 15.000 euros para a execución de traballos medioambientais.
Por último, a Xunta de Goberno procedeu á modificación das bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión das bolsas Erasmus Rural Interreg “Raia Termal”, aprobadas na sesión do 21 de xuño, ao detectarse un erro de carácter cuantitativo nas axudas. Trala corrección, a base segunda establece que a bolsa terá unha contía económica total de 1.200 euros para unha estadía mínima dun mes de duración e unha axuda máxima de 1.700 euros para un período de mes e medio. En consecuencia tamén cambia a base cuarta, que agora sinala que este programa terá un orzamento total de 38.000 euros.