A Deputación aproba case medio millón de euros en subvencións a concellos, entidades sen ánimo de lucro, culturais e deportivas

A Xunta de Goberno da institución provincial resolveu os concursos para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro (100.000 euros) e concellos (74.986,72 euros) para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes a 2023.

O Goberno provincial concedeu subvencións nominativas a Sarabela Teatro para o FITO e MITEU (39.000 euros) e á Fundación Ínsua dos Poetas para a Festa da Palabra (18.000 euros), así como á Federación Galega de Baloncesto para a Copa Baloncesto 2023 (15.000 euros).

Os concellos de Lobios, Padrenda, Pereiro de Aguiar e Padrenda tamén percibirán subvencións da Deputación por un importe total de 231.000 euros para mellora de instalacións deportivas, traballos medioambientais, adquisición de terreos e gastos de funcionamento.

A Xunta de Goberno da Deputación, en sesión ordinaria semanal, aprobou case medio millón de euros en subvencións a concellos, entidades sen ánimo de lucro, organizacións culturais e deportivas por un importe de 478.000 euros. 

Así, a Xunta de Goberno resolveu os concursos para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro (en concreto, a 87 entidades por un importe total de 100.000 euros), así como  aos concellos de Arnoia, Bande, Cartelle, Castrelo do Val, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Coles, Leiro, Maceda, Montederramo, Muiños, Petín, Pereiro de Aguiar, Porqueira, Ribadavia, Verín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, A Gudiña, A Mezquita, A Teixeira, O Carballiño, Rubiá, Viana do Bolo, A Merca, A Peroxa, A Rúa de Valdeorras, Celanova, Larouco, Lobios, Maside, Nogueira de Ramuín e O Barco de Valdeorras (74.986,72 euros en total), para a organización de actividades culturais e recreativas correspondentes a 2023. Na mesma sesión, acordouse ampliar os prazos xerais de xustificación das subvencións concedidas en establecidos en senllas bases das convocatorias ata o 15 de novembro. 

A Deputación, a través da Xunta de Goberno, tamén aprobou a concesión de subvencións a Sarabela Teatro (48.000 euros), para a organización do FITO e a MITEU 2023; así como á Fundación Ínsua dos Poetas para a Festa da Palabra, por un importe de 18.000 euros. Na mesma sesión, concedéuselle unha subvención nominativa de 15.000 eurpos á Federación Galega de Baloncesto para a Copa Baloncesto 2023.

No tocante ás subvencións a diversas entidades locais, a Xunta de Goberno aprobou a concesión dunha achega de 48.000 euros a favor do Concello de Lobios para gradas do campo de fútbol. Tamén se lle concedeu unha subvención ao Concello de Porqueira para gastos de funcionamento por importe de 48.000 euros. Ao Concello de Padrenda concedéronselle senllas subvencións para traballos medioambientais consistentes en limpezas, mantementos de camiños e desbroces (40.000 euros), así como para a contratación dun chófer para desbrozadora. Por último, ao Concello de Pereiro de Aguiar concedéuselle unha subvención de 75.000 euros para a adquisición de terreos para o parque acuático.