A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense deu luz verde hoxe ao informe de fiscalización favorable relativo ás bases reguladoras do concurso para a concesión de subvencións a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais, durante a tempada 2018-2019. O importe económico destas subvencións é de 30.000 euros, contemplado no orzamento xeral do ano 2020. Tamén se aprobaron achegas de cooperación en materia de emprendemento, no marco do proxecto EmprendOU, por importe de 24.300 euros, para a concesión de axudas para proxectos empresariais ou de auto-emprego en municipios rurais de menor poboación, para tres proxectos relativos a transporte mercancías, albanelería en ensino.
Outros puntos que tratou a Xunta de Goberno foron a aprobación de subvencións para: a Asociación de diminuídos psíquicos de Valdeorras – ASFAVAL (4.500 euros), para gastos de funcionamento da entidade en 2019; para a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia – ADEGAL (12.000 euros), polo mesmo concepto; para o Concello de Castro Caldelas (50.000 euros) para o saneamento do núcleo dos Espiñeiros e arranxo da rede viaria nos núcleos de A Pola, Ventosa, Real da Pousa, Montemiau e Penelas; para a Mancomunidade Intermunicipal Conso Frieiras (99.866 euros) para o proxecto IDAE; para a Mancomunidade voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense (20.000 euros) para gastos de funcionamento da entidade en 2019; para a Asociación Cultural O Son de Trevinca (6.500 euros) para recuperación do entroido; e para a realización da Masterclass “Julio 2019-VI edición” do músico Víctor Prieto (9.659 euros).
A Xunta de Goberno tamén aprobou a modificación do Plan provincial relativa á obra municipal 18/POS/2019, no termo municipal de Calvos de Randín, e fixou os prezos para a entrada ao parque de atraccións “Pazolandia”, que serán de: 4 euros para o público en xeral e 3 euros para as persoas que accedan en viaxes promovidas polos concellos da provincia.