A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou destinar 1,8 millóns de euros para cooperación cos concellos, entidades sociais, viticultura e axudas para a organización de actividades deportivas a celebrar en 2021.
A cooperación cos concellos foi o capítulo máis destacado da orde do día, na que figuraban a concesión de 200.000 euros ao Concello de Avión para un proxecto de residencia de maiores; máis de 182.000 euros para o Concello de San Xoán de Río con destino a un proxecto de eficiencia enerxética cofinanciada polo IDAE; 160.000 euros para a residencia da terceira idade da Veiga; 125.000 euros para o edificio sociocultural “Chamoso Lamas” en Boborás; 100.000 euros ao Concello de Coles para a instalación de céspede artificial no campo de fútbol de Albán; 50.000 euros para o Concello de Riós en concepto de gastos de funcionamento do Centro de Desenvolvemento Agroforestal; 48.000 euros ao Concello do Bolo para a reforma do pavimento da estrada de Cambela; a mesma cantidade que para a remodelación da praza do Concello no Irixo e ao Concello de Petín para obras no polideportivo; 40.000 euros para o Concello de Taboadela con destino á adquisición dunha casa reitoral; preto de 40.000 euros ao Concello de Arnoia para traballos de eficiencia enerxética no alumeado público de varias poboacións; 39.000 euros a Montederramo para pavimentación de camiños municipais; case 32.000 euros para Cenlle destinados ás obras do parque e da alameda da Barca; 30.000 euros para obras de acondicionamento en instalacións deportivas de Esgos; e 20.000 euros para unha oficina de turismo comarcal no Concello da Rúa.
Ademais, ratificáronse os convenios e a concesión de subvencións por valor de 50.000 euros cada unha aos concellos de Boborás, Esgos, Oímbra, A Teixeira, e San Xoán de Río para a adquisición dun tractor con rozadoira, no marco do convenio coa Consellería do Medio Rural para maquinaria destinada á prevención e loita contra os incendios forestais.
A Xunta de Goberno tamén aprobou outras achegas en diferentes ámbitos, como os 80.000 euros concedidos á Asociación Española contra o Cancro para o acondicionamento da sede provincial; 20.000 euros para a Academia Galega do Viño no marco do convenio Cociña Ourense-Curso Superior de Sumillers Profesionais; 200.000 euros para os Foros La Región, correspondentes ás anualidades de 2020 e 2021, e 25.000 euros para a Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras para gastos de funcionamento.
Axudas para eventos deportivos
Outra das cuestións da orde do día foi a convocatoria de subvencións a entidades deportivas e sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos no 2021, coa finalidade de contribuír ao mantemento dunha actividade deportiva ampla, orientada ao público en xeral e na que se teña en conta o concepto de saúde. Poderán presentarse a esta convocatoria propostas de actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ou actividades físicas semellantes con ou sen carácter competitivo, tales como torneos, carreiras, andainas, rutas de sendeirismo, marchas ou rutas cicloturistas. A contía das axudas nesta convocatoria é de 60.000 euros, correspondendo a subvención máxima ao 50 % do custo estimado da actividade e cun límite de 10.000 euros por beneficiario.