O presidente provincial, Luis Menor, defendeu a provincia como “sede de grandes eventos nacionais e internacionais”.
O próximo 10 de setembro, Valdeorras será o epicentro da etapa 17 deste evento deportivo que alcanza a “190 países con audiencias de 400 millóns de espectadores”, tal e como dixo o director de La Vuelta, Javier Guillén.
O alcalde do Barco, Alfredo García, agradeceu o apoio da institución ourensá para que a comarca valdeorresa sexa protagonista deste evento.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, definiu a saída no Barco como “oportunidade de promoción excepcional”.
O Barco de Valdeorras converterase o próximo 10 de setembro no epicentro da saída da etapa número 17 de La Vuelta, evento deportivo de relevancia internacional que, en palabras do presidente provincial, Luis Menor, “será unha oportunidade única de promoción e un revulsivo económico para a comarca e para a provincia”. Así o manifestou durante a presentación desta etapa no Barco, acto ao que acudiron o alcalde do Barco, Alfredo García; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles e o director de La Vuelta, Javier Guillén.
Luis Menor sinalou que para a institución provincial a comarca de Valdeorras é un “obxectivo estratéxico”, polo que iniciativas coma esta permitirán seguir “colocando a esta comarca dinámica no mapa”. Ademais, resaltou o “factor de reclamo e promoción de primeiro nivel para a práctica do deporte” que supoñerá o paso de La Vuelta por Ourense.
“Ourense debe continuar loitando por ser sede de grandes eventos nacionais e internacionais”, incidiu o presidente provincial, que lembra que a Deputación destina un total de 800.000 euros para o impulso da provincia como territorio de acollida de importantes eventos deportivos.
O presidente provincial lembrou a “vinculación no tempo” de La Vuelta coa provincia, xa que pasou por primeira vez por terras ourensás en 1980 e, desde entón, esta proba tivo saídas de etapa, percorridos intermedios e chegadas na provincia e na capital en 11 ocasións.
O alcalde do Barco, Alfredo García, sinalou a “plena satisfacción” de ofrecer aos veciños da comarca “un evento como é esta etapa de La Vuelta”. Ademais, agradeceu o apoio da Deputación como “factor fundamental” para que esta saída prodúzase en Valdeorras.
O director de La Vuelta, Javier Guillén, tamén puxo en valor as “facilidades” da Deputación para permitir que esta etapa número 17 celébrese con saída no Barco e definiu La Vuelta como “máis que un evento deportivo, unha plataforma que chega a 190 países con audiencias de máis de 400 millóns de espectadores que coñecerán a provincia de Ourense”.
Doutra banda, Xosé Merelles definiu a cooperación entre La Vuelta e a Xunta de Galicia como “unha asociación moi frutífera” e destacou que esta saída no Barco será “unha oportunidade de promoción excepcional nun destino que está a emerxer”.
Unha etapa de auga e montaña que “convida á batalla”
En canto á etapa con saída desde O Barco, os organizadores explicaron que se trata dunha etapa de “auga e montaña”, en concreto trátase da penúltima etapa de montaña de La Vuelta. “É un terreo duro que convida á batalla, 144 quilómetros de moita intensidade”, sinalou Guillén. Esta etapa 17 acaba no alto do Morredero (Ponferrada)-
A edición 2025 de La Vuelta a España comezará o 23 de agosto en Turín (Italia) e finalizará o 14 de setembro en Madrid. Serán 21 etapas en total, cubrindo unha distancia de 3.138 quilómetros.