A Coupe de la Jeunesse acredita á provincia de Ourense coma sede da proba en agosto: “Estamos convencidos que será unha edición moi exitosa”

Despois de comprobar na “winter meeting” a capacidade organizativa, hoteleira e de transporte, a organización da proba enviou as certificacións oficiais ao Club Náutico de Castrelo e a Cerlac-Caldaria. Destaca a secretaria xeral da Coupe de la Jeunesse que “dezaseis países participarán para asegurar que esta será unha regata de alta calidade”.

O presidente da Deputación, decisiva na celebración desta proba, sinala a súa satisfacción: “Todas as cuestións acreditan as capacidades organizativas de Ourense para poñer en marcha unha competición destas características”.

Manuel Baltar, convencido do éxito da iniciativa, avanza que a Coupe de la Jeunesse marca un novo capítulo na consolidación da provincia de Ourense coma sede de probas internacionais de remo e piragüismo.

A organización da Coupe de la Jeunesse enviou ao Club Náutico de Castrelo e a Cerlac-Caldaria as acreditacións que os sinalan coma sedes oficiais da competición, que se disputará entre o 5 e o 7 de agosto do 2022. Nunha carta asinada pola secretaria xeral da Coupe de la Jeunesse, Gwenda Stevens, á volta da celebración da “winter meeting” no Balneario de Laias, a organización móstrase segura do éxito da proba: “Estamos convencidos que será unha edición moi exitosa, e o será por trixésimo oitava vez”. Neste mesmo documento, a organización destaca o perfil internacional da proba: “Dezaseis países participarán para asegurar que esta será unha regata de alto nivel”.

O presidente da Deputación de Ourense, institución decisiva para a celebración desta competición en Castrelo de Miño -como lembrou a propia presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente-, sinala a súa satisfacción: “É unha gran nova recibir as certificacións e todas as cuestións que acreditan as capacidades organizativas da provincia para poñer en marcha unha proba internacional das características da Coupe de la Jeunesse”.

Esta documentación acredita, polo tanto, o éxito da “winter meeting” celebrada o pasado 19 de febreiro no Balneario de Laias, na que o comité organizador da competición -co reelixido presidente da Coupe de la Jeunesse, Gary Harris, directivos, asesores técnicos, responsables federativos e os delegados dos dezaseis países participantes- puido comprobar sobre o terreo as infraestruturas, as conexións de transporte ou os recursos hoteleiros da provincia. Tras recoller en 2021 en Linz (Austria) a bandeira que acredita a Ourense como organizadora, Manuel Baltar defendeu nesta xuntanza de traballo a capacidade organizativa da provincia, remarcando a importancia da chegada da Alta Velocidade e blindando o apoio do goberno provincial. Tal e como sinalou en Laias, o presidente da Deputación está convencido do éxito da proba: “Non so para os deportistas -que quedarán convencidos do entorno e da nosa capacidade organizativa- senón tamén dos responsables federativos, xornalistas, familiares e público”.

Avanza Manuel Baltar que esta proba é “a antesala de futuros campionatos internacionais que farán de Castrelo de Miño un sitio de competición de referencia internacional, como xa é agora xunto a Laias e Arnoia para a práctica do piragüismo e do remo en España”. No bicentenario da Deputación, o presidente desta institución resalta que estamos organizando “unha proba de evidente prestixio internacional, e polo tanto temos ante nós unha oportunidade para que Ourense, como ten feito noutras esferas organizando eventos como pode ser o próximo Congreso Mundial de Termalismo, sexa un referente internacional no remo”.

Prestixiosa competición internacional de remo

A Coupe de la Jeunesse é unha proba de remo que se desenrola de modo anual entre os mellores remeiros de dezaseis países europeos, con idades entre os 16 e os 18 anos. O presidente da Deputación ten situado esta competición como o “produto dun traballo de moito tempo e da alianza coa Federación Española de Remo”. Neste sentido, esta primeira proba internacional de remo que se disputará en Ourense é un paso máis na consolidación da provincia como sede de competición de referencia de remo e piragüismo, despois de xa estar asentada como lugar de adestramento para seleccións nacionais e internacionais.