A “Coupe da Jeunesse” en Castrelo de Miño celebrarase en 2022, aprazamento que tamén afecta a outras probas europeas de remo

Manuel Baltar comparte a proposta realizada polos organizadores europeos e pola presidenta da Federación Española de Remo, por mor da pandemia do Covid-19, afirmando “que debe primar, por encima de todo, a seguridade dos deportistas, dos membros dos equipos e do público”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresou hoxe o seu “total respaldo” ao aprazamento dunha das probas máis importantes do calendario europeo de remo, a “Coupe da Jeunesse”, que ía celebrarse este verán en Austria (Linz), o próximo ano en España (Castrelo de Miño) e ao ano seguinte en Holanda (Amsterdam). Neste sentido, a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente, enviou unha carta ao presidente Baltar para consultarlle o seu parecer respecto diso, ao cal o presidente da Deputación de Ourense mostrou o seu total acordo, en concordancia co expresado polos organizadores desta gran cita deportiva do remo europeo, que propoñen aprazar un ano as tres probas, por mor da pandemia do Covid-19.

Desta maneira, segundo expresou o presidente da Coupe da Jeunesse, Gary Harris, logo de consultar ás respectivas federacións e se todas as sedes mostran o seu acordo, o calendario quedaría fixado coas seguintes datas: Linz en 2021, Castrelo de Miño en 2022 e Ámsterdam en 2023, manténdose o resto de condicións e características do evento.

Manuel Baltar agradece á presidenta da Federación española de remo, “a súa magnífica disposición para alcanzar un acordo que favoreza os intereses de todas as partes, tanto no que respecta ao remo da provincia de Ourense, como ao do ámbito nacional e europeo, para manter unha posición conxunta polo ben desta proba e do remo en xeral”.

A Coupe da Jeunesse é unha competición de remo internacional que se celebra anualmente, con categoría de campionato de Europa, entre os atletas máis novos, masculinos e femininos, con idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos. Foi creada en 1985 e participan países como Austria, Bélxica, República Checa, Dinamarca, Francia, Gran Bretaña, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Suíza e España.