A comisión de Economía aborda a ordenanza de prezos por servizos do “Paco Paz”

As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran esta tarde as súas reunións correspondentes ao mes de maio de 2018. Na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a ordenanza fiscal reguladora dos prezos públicos pola prestación de servizos e realización de actividades no pazo dos deportes “Paco Paz”, e tamén abordará esta comisión a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora das taxas pola participación en procesos de selección de persoal da Deputación de Ourense.

Polo que atinxe á ordenanza do pazo dos deportes, sinálase que de conformidade co previsto na lexislación reguladora das facendas locais, a Deputación establece os prezos pola prestación de servizos e a realización de actividades no pazo dos deportes, e que están obrigadas ao pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza as persoas físicas ou xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan beneficiarias dos servizos ou da realización de actividades no “Paco Paz”. Asemade, a Xunta de Goberno poderá conceder bonificacións nas tarifas por utilización cando concorran circunstancias como: que a actividade teña un claro interese público, social, cultural ou deportivo; condicionantes económicos da entidade; cando se trate de solicitude para uso ao longo da tempada deportiva, valorándose os anos de antigüidade utilizando o pazo dos deportes; a categoría deportiva dos deportistas para os que se solicita a bonificación e categoría da competición; e especiais circunstancias que redunden en beneficio do pazo dos deportes e dos usuarios, ou que supoñan un interese público ou social.

No que se refire á ordenanza reguladora da taxa pola participación en procedementos de selección de persoal, constitúe o feito impoñible a realización da actividade administrativa de xestión dos procesos de selección de persoal laboral e funcionario da Deputación de Ourense, incluídos os procesos de selección de persoal laboral temporal ou funcionario interino, en calquera das súas modalidades.

Por outra banda, na comisión de Igualdade, Benestar e Emprego darase conta do estado de tramitación do Programa BenOurense Infancia para o exercicio 2018.