A iniciativa, que terá lugar do 18 ao 21 de abril, terá ao sendeirismo como eixe central e sobre el xirarán outros elementos como a gastronomía, a historia, a cultura e o patrimonio.
A segunda edición do “Xurés Walking Festival” promocionará a riqueza turística da comarca da Baixa Limia cun completo abano de actividades que terán como eixe central ao sendeirismo e sobre el xirarán outros elementos como a gastronomía, a historia, a cultura e o patrimonio. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; as organizadoras da actividade, Marta Delgado e Ana Canal; e os alcaldes de Bande, Lobeira, Lobios e o concelleiro de cultura de Muíños, José Antonio Armada, Antonio Iglesias, María del Carmen Yáñez e Israel León, respectivamente.
O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que este proxecto de “promoción turística da Baixa Limia, mestura dun xeito especial a natureza e a historia para ofrecer unha gran alternativa de ocio”. Así mesmo, Rosendo Fernández dixo que os visitantes que participen nesta actividade poderán afondar na historia e cultura desta zona, “camiñando pola vía romana, visitando a Igrexa visigótica do s.VII ou adentrarse na historia do megalitismo, dos castrexos ou das mouras da mitoloxía galega”.
A segunda edición deste Festival celebrarase do 18 ao 21 de abril, ao longo dos días festivos da Semana Santa, cun completo programa de actividades de sendeirismo, ocio e gastronomía. “En total ofreceremos 13 rutas ao longo do festival, con rutas longas de máis de 15 quilómetros e curtas de ata 8 quilómetros. As familias disporán dun espazo infantil para que, mentres os pais fan a ruta, os rapaces poidan estar atendidos neste espazo con obradoiros e xogos”, explicou Marta Delgado.
O xoves e o venres haberá charlas-coloquios con expertos da zona que falarán do parque e do patrimonio cultural da comarca. O sábado celebrarase unha xornada de gastronomía local no Mercado do Xurés, en Bande, para que os visitantes poidan “degustar os produtos da zona e coñecer a artesanía local”, sinalou Marta Delgado. Como peche da actividade haberá unha velada gastronómica e musical, con músicos da zona e gastronomía local. O domingo aínda se celebrarán rutas para quen queira participar e achegaranse a unha romaría tradicional.
Pola súa parte, Ana Dacal explicou os obxectivos que se perseguen coa celebración desta iniciativa centrados na promoción da Reserva da Biosfera como destino para a práctica de sendeirismo e rutas de montaña, así como para dar a coñecer o potencial da comarca como destino turístico polo seu patrimonio material e inmaterial, a gastronomía, a etnografía e a historia. Esta segunda edición chega “tralo éxito logrado na anterior, con 100 persoas participantes nas rutas ao longo dos catro días, e máis de 300 persoas en total que participaron nas veladas gastronómicas e nas conferencias”, sinalou Ana Dacal.
O alcalde de Bande, en nome dos representantes dos municipios participantes, agradeceu a Ana e a Marta a organización desta iniciativa “que conta co apoio dos seis concellos da Baixa Limia porque representa unha forma de traballar conxuntamente a prol da promoción desta comarca que ofrece numerosos atractivos culturais, patrimoniais e naturais, aos visitantes e a través deste festival é unha maneira magnífica de coñecelos”.
Os interesados en participar poderán inscribirse a través do correo electrónico ecoturismoxures@gmail.com ou a través dos números de teléfono: 617164082 ou 696760910.