A 56ª edición do Rallye de Ourense volverá a converter á provincia na capital do automobilismo

A sede da CEO acolleu esta mañá a presentación desta nova edición, que se celebrará do 13 ao 17 de xuño cunha intensa semana de actividades.

O vicepresidente da Deputación lembrou que o goberno provincial reforzou a súa colaboración coa Escudería de Ourense conscientes de que se trata dun evento “cun gran impacto económico, turístico e promocional no noso territorio”.

A sede da CEO acolleu esta mañá a presentación da 56ª edición do Rallye de Ourense-Recalvi que volverá a converter a nosa provincia na capital do automovilismo. No acto de presentación participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o presidente da Escudería Ourense, Jano Fraga; o presidente da Federación Española de Automovilismo, Manuel Aviñó; o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete; o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome; e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez.

Rosendo Fernández destacou o apoio firme da Deputación de Ourense con esta proba de referencia no mundo do motor, e que se traduce este ano co reforzo do apoio económico proporcionado polo goberno provincial á Escudería Ourense. Desde o goberno provincial, “reforzamos esta alianza de colaboración con este evento porque ten acreditado o seu importante impacto económico, turístico e promocional no noso territorio”, engadiu Rosendo Fernández, quen lembrou que “Ourense dixo escola do rally e é berce do automobilismo galego”.

Pola súa parte, o presidente da Escudería Ourense explicou os detalles desta nova edición que se desenvolverá do día 13 ao 17 de xuño cunha semana intensa de actividades. Trátase dun rally que ten preto de 500 km de percorrido dos cales 163 son tramos cronometrados, é dicir, o 33% de tramos serán cronometrados “o que denota a gran dureza desta competición”.

Nesta nova edición, “teremos 12 tramos cronometrados e máis de 800 persoas colaborando na organización, este dato é moi importante porque non coñezo ningún evento deste perfil amateur que conte cun equipo humano traballando nel”, explicou Jano Fraga.

Así mesmo, este ano volverase a repetir o tramo urbano polo centro de Ourense, “algo tremendamente novidoso e diferenciador que ofrece este rally”, no que se van a realizar dúas veces a volta e de xeito consecutivo para que teñan maior intensidade e a xente poida ver máis aos pilotos polas rúas de Ourense.

Este ano, no espectáculo urbano, “hai tres actos que se celebrarán previamente: circulará o Alpinche, estará Miguel Gayoso piloto da Escudaría Ourense e firme aposta do automobilismo nacional, e, por último, un dos patrocinadores “Talleres TAR” propuxo preparar unha cabeza tractora cunha parte de detrás terraza para que se suban os pilotos e dar unha volta saudando ao público”, explicou o presidente da Escudaría.

Nesta ocasión, faranse reagrupamentos o venres no Xardín do Pasío, o sábado ao mediodía no parque de San Lázaro e outro na Praza Maior de Celanova. E, o parque de traballo do rally volverá a estar en Expourense.

Así mesmo, Jano Fraga salientou que o rally de Ourense leva 55 edicións pertencendo a Campionatos de España, ademais de ser “o evento deportivo e non deportivo máis antigo -a excepción da Feira do Viño do Ribeiro-“. Esta situación, refírese o presidente da Escudería Ourense, débese a cinco pilares: ao traballo do persoal voluntario e aos membros da escudaría que sacan adiante a proba; aos Corpos e Forzas de Seguridade; o apoio das institucións; o público ourensán e a confianza da Federación Española por confiar en Ourense, así como a todos os colaboradores.