A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo, 12 de maio.
O municipio da Peroxa acollerá o vindeiro domingo, 12 de maio, a cuarta edición da súa andaina solidaria que se celebrará a favor da Asociación de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química múltiple de Ourense (AFFOU). A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o concelleiro da Peroxa, José Manuel Rodríguez; e a presidenta, a secretaria e a traballadora social da asociación de fibromialxia, fatiga crónica e sensibilidade química múltiple de Ourense (AFFOU), Marina Añel, María Jesús Justel e Leticia Vila.
A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que conxuga “deporte, saúde e solidariedade, fomentando a vida saudable, así como colaborando economicamente e dando visibilidade ao labor tan importante que realiza esta asociación na nosa provincia”, sinalou Bernardino González. Neste mesmo sentido, o concelleiro da Peroxa dixo que se trata tamén dunha oportunidade “para coñecer as paraxes e a gastronomía do noso municipio”.
A saída e a meta da proba será na praza do Concello da Peroxa. O evento comezará ás 9.30 horas e ofrecerá dúas rutas de 15 e 10 quilómetros, ambas de dificultade media. Así mesmo, para os cativos de 4 a 11 anos haberá un espazo de ocio infantil.
Os interesados en participar poderán anotarse, por un prezo de 5 euros, ata o día 10 de maio mediante ingreso bancario ou o mesmo día da proba. “Os 5 euros da inscrición serán integramente para AFFOU”, sinalou José Manuel Rodríguez.
Pola súa parte, Marina Añel agradeceu “a colaboración da Deputación de Ourense e destes concellos que colaboran con nós a través destas iniciativas” e explicou que o diñeiro recadado será destinado para os fondos da asociación, para costear os gastos dos psicólogos, dos fisioterapeutas, entre outros.