A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que terá lugar o vindeiro domingo, 22 de xullo, polos montes da contorna.
A 10ª andaina do concello de Avión céntrase nesta edición nun percorrido pola riqueza castrexa e a prehistoria deste municipio en catro rutas de 4, 9, 14 e 25 quilómetros que percorrerán, con diferentes graos de dificultade, os montes da contorna. A presentación deste evento no que colabora a Deputación de Ourense tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Avión, Antonio Montero, e o técnico municipal de Deportes, Darío Vázquez.
“Os entusiastas dos deportes de natureza terán o vindeiro domingo unha oportunidade de encontrarse coa historia e coa riqueza paisaxísticas que abrangue o concello de Avión”, destacou Rosendo Fernández, subliñando que esta andaina “sempre innova nos seus percorridos e nos permite coñecer un dos mellores lugares da provincia de Ourense pola súa riqueza natura e patrimonial”.
Antonio Montero dixo que esta experiencia de deporte e natureza “xurdiu hai anos logo de facermos o Camiño de Santiago, e hoxe xa é un punto de encontro para moitas persoas que chegan nestas datas desde diferentes partes do mundo ao noso concello para admirar e compartir a experiencia de visitar castros, canastros, igrexas, pozas, fervenzas e toda a riqueza natural que garda esta contorna”.
Os percorridos planificados este ano van desde rutas sinxelas ata outras complexas e moi esixentes, como é o caso da máis longa, de 25 quilómetros, “que leva aos participantes polo Coto do castro e onde se poden admirar petróglifos prehistóricos”, explicou Darío Vázquez. A organización ten previstos avituallamentos ao longo das rutas, agasallos, e ao remate, un xantar de confraternidade. O prezo da inscrición para os nenos de 3 a 10 anos é de 10 euros, e para os maiores desa idade, 20 euros. A andaina comezará ás 8.30 horas.