O Pazo Provincial acolleu hoxe, como xa fixera coa presentación da actividade, o acto solidario de entrega da axuda económica derivada da “Andaina Solidaria” 2019 que organizou o Concello de Nogueira de Ramuín, en colaboración coa Deputación de Ourense e outras entidades, en favor da Asociación “Pequenos Superheroes”, entidade que promoven os familiares de enfermos de Miopatía Tubular e Centronuclear. A andaina, que tivo lugar o pasado 23 de novembro tendo como referente ao pequeno Rafa, un neno de 15 meses que padece esta enfermidade, contou con máis de 200 inscritos e 350 participantes na Fila Cero, para que as persoas puidesen colaborar con esta asociación.
Desta maneira, hoxe, coa presenza do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, o alcalde de Nogueira de Ramuín, César Parente, fixo entrega aos pais de Rafa, Raquel e Santiago, da cantidade económica recadada na andaina, un total de 6.264 euros, que irán destinados á asociación para realizar traballos de investigación na procura de solucións para a miopatía tubular. O acto de entrega da axuda contou tamén coa participación do concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto.