51 deportistas ourensáns de disciplinas individuais reciben as axudas da Deputación

O recoñecemento a un técnico deportivo ourensán foi, nesta edición, para Julio Fernández Pérez.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, entregou esta tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel as axudas a 51 deportistas cualificados en modalidades deportivas individuais durante a temporada deportiva 2020-2021.

Con esta iniciativa que leva a desenvolver a Deputación de Ourense desde o ano 1988, “o goberno provincial quere recoñecer de xeito público o traballo que consolida cada unha destas traxectorias, referentes nos seus respectivos deportes”, resaltou César Fernández, que enmarca estas axudas dentro da “forte aposta da Deputación polo deporte dende todas as súas ópticas, tanto no fomento na base, como na colaboración cos deportistas e na consolidación de Ourense coma un gran ecosistema capaz de acoller probas do máximo nivel en calquera deporte”.

As axudas concedidas, correspondentes á convocatoria do 2022, organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse catro axudas de 1.500 euros cada unha; no segundo grupo están oito deportistas que recibirán unha axuda de 850 euros cada un deles; no terceiro grupo inclúense oito axudas de 600 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están 31 deportistas cunha axuda económica de 400 euros para cada un deles. En total, a Deputación de Ourense destinou 30.000 euros en 51 bolsas para deportistas ourensáns procedentes de diferentes disciplinas deportivas coma a ximnasia trampolín, o piragüismo, atletismo, natación, o tiro olímpico, a vela, o bádminton…

Ademais da entrega das axudas, realizouse o tradicional recoñecemento público a un técnico deportivo ourensán que nesta edición recaeu en Julio Fernández Pérez, “unha figura importante no desenrolo do deporte ourensán”, segundo explicou César Fernández.