O pavillón dos Remedios acollerá do 12 ao 15 de xullo esta proba nas categorías Alevín-Junior, que conta co apoio da Deputación de Ourense.
Máis de 400 nadadores daranse cita en Ourense do 12 ao 15 de xullo no pavillón dos Remedios para disputar o VI Campionato de España de natación artística nas categorías Alevín e Junior, un evento no que colabora a Deputación de Ourense e como lembrou hoxe o vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández, “une deporte, promoción turística e desenvolvemento económico, situando estes días á provincia de Ourense como referente dunha especialidade tan esixente como espectacular: a natación artística”. Fernández dixo que neste campionato, no que se darán cita os 16 mellores clubs nacionais, “hai que destacar a cooperación institucional, o apoio dos patrocinadores e o labor que desenvolve o Club Natación Sincro Ourense. Todo elo da mostra da boa saúde do noso deporte e da xestión deportiva na provincia de Ourense”.
A presentación tivo lugar hoxe no Pazo Provincial coa participación, ademais de Rosendo Fernández, da presidenta do Club Sincro Ourense, Luz Abadín; da secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez; do secretario da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, e do concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede.
Luz Abadín explicou que o campionato abrangue as especialidades de Figuras, Solo, Dúo, Mixto, Equipo e Combo, un espectáculo deportivo ao que anima ao público a asistir, e que amosará “o gran nivel que temos na sincro en Ourense e Galicia”. Ramón Mosquera destacou “o incremento que está a experimentar a natación artística en Galicia, rexistrando nos últimos anos un aumento do 40 % das licencias, que na actualidade superan as 900”, e Marta Míguez reivindicou a igualdade tamén neste deporte, maioritario de mulleres, no que tamén hai que apoiar para que se sigan incorporando máis homes. Finalmente, Mario Guede subliñou “a capacidade organizativa de Ourense para acoller eventos deportivos de relevancia, probas das que recentemente se celebraron campionatos de atletismo, hóckey, baile deportivo, natación e ciclismo”.
Máis información do evento en: www.rfen.es