340.000 euros en axudas para temas de Infraestruturas, Cultura, Deporte e Medio Ambiente

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá 342.841 euros en axudas para concellos e entidades destinadas a iniciativas en materia de Infraestruturas, Cultura, Deporte e Medio Ambiente. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 21 de setembro de 2018.

En materia de cooperación con entidades, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de para a Asociación de Veciños de San Andrés por importe de  5.000 euros destinada aos actos de celebración dos 100 anos de Vilavidal de Ramirás, mentres que para a Universidade Internacional Menéndez Pelayo, aprobou unha axuda de 18.000 euros para diversas actividades da entidade correspondentes ao ano 2018.

No apartado de cooperación cos concellos da provincia de Ourense, na reunión aprobouse unha axuda de 100.000 euros para o Concello de Castrelo de Miño para a mellora e adecuación do campo de remos e para o Concello de Padrenda aprobou dúas axudas, unha de 52.000 euros destinada ás obras de reparación por mor dos danos causados pola tormenta na estrada de San Amaro a Lavandeira, e outra de 8.211 euros para actuacións no regadío e pavimentación da localidade do Pontillón.

Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou tamén dúas axudas para o Concello de Punxín: unha das achegas por importe de 7.584 euros para a reparación do semáforo da Forxa, e a outra axuda, que ascende aos 18.500 euros, será destinada para a reforma do sistema de abastecemento da auga municipal. Para o Concello de Xunqueira de Ambía, aprobouse na xuntanza unha axuda de 75.000 euros para a vivenda tutelada, de rehabilitación do antigo cuartel, correspondente á 1ª fase.

Asemade, a Xunta de Goberno aprobou o pago anticipado de tres axudas concedidas ao Concello de Bande, trátase da achega de 21.900 euros para a dirección das obras de acceso á Igrexa de Santa Comba, aprobada na Xunta de Goberno do día 7 de setembro; da axuda de 16.999 euros para o acondicionamento da núcleo rural de Vilela e da axuda de 14.999 euros para a reforma e mellora da iluminación na Granxa e Pazos, aprobadas ambas na Xunta de Goberno do día 21 de agosto.

Continuando nesta materia, a Xunta de Goberno aprobou a modificación do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2018, relativa ao municipio de Laza, pola cal se incorpora ao plan principal a obra “rehabilitación dos restos dunha edificación para velorio en Toro”, en substitución da obra “construción de almacén para centro social en Toro”, cun orzamento de 57.596 euros, para o que a Deputación de Ourense achegará 48.000 euros.

Por último, aprobáronse dúas expropiacións forzosas para a execución da obra “acondicionamento e mellora integral na OU – 1006 Vilardevós – Vilarello da Cota”, en Vilardevós, e para a obra “acondicionamento e mellor integral na OU – 1114 Vilar de Santos – Ponteliñares”, en Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.

Deportes

No apartado deportivo, a Xunta de Goberno aprobou a resolución da convocatoria de axudas para actividades físico-deportivas do ano 2018, pola cal a institución provincial destina un total de 58.546 euros para as máis de cen iniciativas deportivas presentadas por 61 concellos da provincia.

Asemade, na reunión aprobouse a resolución de dous recursos potestativos de reposición interpostos polo Club A Peroxa CF e polo Club Waterpolo Pabellón Ourense, contra o acordo da Xunta de Goberno do día 21 de agosto deste ano, da resolución da convocatoria de axudas a clubs deportivos de Ourense para o ano 2018.