329 deportistas daranse cita na terceira edición do “Ourense Termal Athletics Meeting”

O evento deportivo que se celebrará mañá sábado, 13 de maio, na pista de atletismo do Campus Universitario de Ourense, forma parte do calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo.

A terceira edición do “Ourense Termal Athletics Meeting” reunirá a 329 deportistas mañá sábado, 13 de maio, na pista de atletismo do Campus Universitario do Ourense, evento deportivo que forma parte do calendario de competición nacional da Real Federación Española de Atletismo. A presentación da proba tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o director da Área de Planificación da Universidade de Vigo do Campus de Ourense, José María Faílde; o concelleiro de Deportes de Ourense, Mario Guede; o delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Manuel Blanco; o coordinador do evento, Lalo Gómez; o presidente e a directora técnica da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos e María Dolores González, respectivamente.

O vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que os tres obxectivos fundamentais deste encontro de atletismo son: “desenvolver un campionato de máximo nivel no que os principais atletas do noroeste peninsular poidan conseguir excelentes marcas, difundir a nivel nacional e internacional a marca “Ourense provincia termal” e a promoción do Atletismo de base”.

Nese mesmo senso, Lalo Gómez explicou cos obxectivos marcados xa foron cumpridos dado que este evento deportivo ocupa “o posto número 12 no ranking nacional dos encontros de atletismo ao aire libre, consegue a participación de atletas procedentes de Asturias, Castela León, Madrid, Valencia, Canarias e de outros países como Portugal, Reino Unido, Ecuador e Venezuela e, ademais, nas dúas edicións anteriores chegaron a participar máis de 300 atletas de categorías de menores”.

No que atinxe a esta terceira edición, o coordinador do “Ourense Termal Athletics Meeting” sinalou que con esta proba “comeza en Ourense o circuíto nacional de encontros ao aire libre, cun programa de 21 probas que se desenvolverán desde as 18.30 ata as 22.30 horas”.

Lalo Gómez salientou que este encontro de atletismo será “unha gran oportunidade para que algúns dos participantes poidan conseguir as súas mellores marcas españolas da tempada”. Ademais, lembrou que “están en xogo 3.400 euros en premios”.

A directora técnica da Federación Galega de Atletismo fixo fincapé en que ademais das probas, “destaca a enorme participación que hai nas categorías inferiores e que están a ter tan bos resultados no atletismo galego”. Pola súa parte, Isidoro Hornillos salientou os avances que está a experimentar esta disciplina deportiva en Galicia e o “Ourense Termal Athletics Meeting” contará coa presenza “dos nosos mellores atletas galegos”.

Para máis información: http://www.ourensemeeting.es/.