Rosendo Fernández participou hoxe na presentación deste evento deportivo, que tivo lugar na pista de atletismo do Campus de Ourense.
A XXXVII Copa Deputación de Ourense de Atletismo reunirá a 250 deportistas das categorías Sub14 e Sub16 dos que cabe destacar a importante participación feminina con 154 mulleres inscritas que, xunto aos 96 homes participantes, protagonizarán este evento durante catro xornadas.
A presentación deste evento deportivo tivo lugar hoxe na pista de atletismo do Campus de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o delegado en Ourense da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo; o xefe do servizo de Deportes do Campus de Ourense, Rodrigo Alberte; e o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo, Eladio Gómez.
Rosendo Fernández lembrou que, unha vez máis, “a Deputación de Ourense está co deporte, e neste caso co atletismo e con este evento que chega xa a súa 37ª edición”. Asemade, o vicepresidente da Deputación de Ourense dixo que a pesar das circunstancias “o deporte debe continuar, cumprindo tódolos protocolos” e sinalou que este tipo de competicións contribúen a que “os deportistas mozos manteñan a actividade física e se promovan hábitos de vida saudables”.
Esta Copa Deputación, organizada pola Federación Galega de Atletismo a través das súas delegacións en Ourense e Valdeorras, desenvolverase en catro xornadas que darán comezo o vindeiro sábado, 26 de setembro, no Campus de Ourense. Continuará no Estadio de Calabagueiros, o 3 de outubro, coa segunda xornada. Posteriormente a competición volverá ao Campus de Ourense onde se celebrarán a terceira e a cuarta xornada da Copa, os días 17 e 24 de outubro, respectivamente.
A primeira xornada, prevista para o vindeiro sábado, 26 de setembro, comezará a partir das 10.30 horas e acollerá as seguintes probas para as categorías Sub14 e Sub16: 80 m., 100 m., 500 m., 1.000 m., 220 m. Valos, 300 m. Valos, Triplo e Peso.
A competición realizarase conforme ao protocolo Anti COVID-19 da Federación Galega de Atletismo e aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Celebrarase a porta pechada, só podendo acceder á instalación os atletas, xuíces e persoal de organización e un delegado e un adestrador (por ratio de 10 atletas) por Club. Neste sentido, Ángel Fidalgo dixo que “os rapaces só poderán acceder á instalación unha hora antes da súa competición e deberán abandonala inmediatamente despois desta”.
Pola súa parte, Rodrigo Alberte agradeceu á Deputación de Ourense, á Secretaría Xeral para o Deporte e á Federación Galega de Atletismo que nestes tempos de pandemia “teñan a iniciativa de levar adiante a proba da Copa Deputación” e asegurou que para a Universidade é “unha satisfacción que se desenvolvan iniciativas deste tipo que fan que o deporte retorne paulatinamente, sendo esta competición a segunda proba que se desenvolve aquí en período Covid”.
Manuel Pérez desexou que esta competición “saía fenomenal e sexa un exemplo de que con tódalas medidas de seguridade e con tódalas precaucións pódese realizar deporte” e destacou o papel do atletismo na provincia de Ourense afirmando que “está moi ben considerado”. Nesta mesma liña, Eladio Gómez sinalou que “Ourense estase a converter no epicentro do atletismo en Galicia” e que agora acollerá esta Copa Deputación de Ourense que é “unha proba xa emblemática, coñecida e recoñecida en toda Galicia, mostra dilo é que van a participar 27 clubs galegos e 6 da provincia de Ourense”, engadiu o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Atletismo.